Santa Locaia acolle estes días un torneo de tiro ao prato

A parroquia de Santa Locaia, no concello de Castro de Rei, acollerá unha nova edición do torneo de tiro ao prato na modalidade robot, que se celebrará os días 1, 2 e 3 de agosto. A cita deportiva, organizada polo club Os Rápidos Terra Chá, contará con varias tiradas e numerosos premios.
Hoxe, venres, darán comezo os adestramentos a partir das 16:00 horas, cun total de cinco premios e a posibilidade de reenganche para os participantes.
O sábado 2, a partir das 11:00 horas, terá lugar a tirada local, tamén con opción de reenganche e con dez premios en xogo, ofrecendo unha xornada competitiva para os tiradores da zona.
Xa o domingo 3, celebrarase a tirada oficial, que comezará tamén ás 11:00 horas. Nesta ocasión non se permitirá o reenganche e repartiranse 25 premios entre os mellores clasificados. Ese mesmo día disputarase tamén a proba pull, con opción de reenganche e premios de 100 e 50 puntos para o primeiro e segundo posto, respectivamente.
O campo de tiro contará con servizo de cartuchería e bar durante os tres días. A organización advirte que só se desempatará polo primeiro posto e o resto de clasificacións estableceranse por orde de inscrición.