Santaballa acolle este sábado unha nova edición da Feira do Indiano 2025

As XV Xornadas sobre Migracións Indianas – Feira do Indiano 2025 celebraranse o vindeiro 20 de setembro na Liga Santaballesa de Vilalba cun amplo programa de actividades culturais, deportivas e musicais.
A xornada dará comezo ás 08:30 horas coa saída da III “Volta Ciclista á Terra Chá 2025”, unha marcha para bicicletas clásicas organizada por ciclistas galegos. Ás 11:30 horas terá lugar a inauguración oficial, cun relatorio a cargo de María Xosé Porteiro, moderada por Daniel Manuel Vázquez Vila. Ás 12:30 horas abriranse as exposicións “Proximitade Llunyana” da Rede Museística Provincial de Lugo e “Nós mesmos” da Asociacionismo Galego do Consello da Cultura Galega.
Ao mediodía, sobre as 13:00 horas, está prevista a chegada da marcha ciclista e a continuación a entrega de premios. Ás 13:30 horas haberá un vermú amenizado coa música caribeña de Los Jímaguas, antes do xantar popular que se servirá ás 15:00 horas, aberto ao público con reserva previa e cun menú baseado en callos, ropa vieja e costela asada.
Pola tarde, a partir das 16:30 horas, continuará a animación musical con Los Jímaguas e ás 17:30 horas celebrarase un concurso de xogos de relevos. Ás 18:00 horas actuarán os músicos da Banda de Música de Vilalba, seguidos ás 19:30 horas dunha foliada popular a cargo de Toxo Guayaba.
Xa pola noite, ás 20:30 horas, terá lugar unha queimada popular dirixida por Manolo Ferreiro cun espectáculo nocturno e ás 21:30 horas unha actuación musical de Toxo Guayaba porá o broche final á programación.
Durante toda a xornada desenvolveranse exposicións, talleres, xogos populares, postos de cócteles caribeños e food truck, ademais de propostas pensadas para todos os públicos.