Santos Ramos participa na homenaxe aos represaliados polo franquismo en Mondoñedo

TerraChaXa | AMariñaXa
14 Xan 2019

O secretario do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, participou na inauguración do monólito en homenaxe a Siervo González Rivas, Graciano Paz Amieiro e Manuel Rodríguez Núñez, asasinados polo fascismo franquista hai 80 anos. Trátase dunha iniciativa veciñal, apoiada polos grupos da corporación municipal, ademais de colectivos sociais e culturais de Mondoñedo e da Mariña. Neste acto, que tivo lugar no Cemiterio vello, tamén participaron a voceira local, Esperanza González, así como militantes e simpatizantes da Mariña Lucense.
Santos Ramos lembrou que só na provincia de Lugo as vítimas do franquismo superan as 3.000 persoas. Neste eido destacou a importancia de localizar aos desaparecidos no franquismo e proporcionar fondos para que a lei de Memoria Histórica se aplique eficazmente, pois non se trata de revisar o pasado, senón de coñecer a verdade para restituír a honra das vítimas e das súas familias”.
A portavoz do PSOE de Mondoñedo remarcou que “hoxe facemos xustiza con estes veciños asasinados e con todas aquelas persoas que no noso Concello ou nesta comarca sufriron a represión por ser demócratas, polo seu profundo compromiso social e por ser persoas de ben. Siervo, Graciano e Manuel agora están máis presentes que nunca con este monólito ten que servir para derrotar dunha vez por todas ao franquismo. A historia temos que escribila entre todos, e eles como tantos outros que non aparecen nesta placa, pertencen xa á historia viva das nosas vidas e do noso Concello”, destacou a socialista.
Tres homes bos
Siervo González, Graciano Paz e Manuel Rodríguez son tres exemplos da represión en Mondoñedo. Os tres homenaxeados foron asasinados polo seu compromiso social e pola súa entrega a un Mondoñedo mellor, socialmente máis xusto, desenvolto culturalmente e democraticamente avanzado. Siervo González Rivas (Mondoñedo 1886-1938), foi funcionario municipal, directivo da Sociedade de obreiros católicos, Presidente da sección local da Confederación Nacional do Traballo, militante do Partido Sindicalista e da Unión Socialista Galega, sendo cabeza de lista desta forza política nas eleccións ao congreso de 1933. Graciano Paz Amieiro “O Latoeiro” (Mondoñedo 1893-1938), foi tesoureiro da Sociedade de obreiros católicos desde 1926 ata 1932, directivo do Sindicato de oficios varios da CNT e militante da Unión Socialista Galega. Manuel Rodríguez Núñez (Mondoñedo 1893-1938), comerciante residente na rúa Febreiro, ocupou responsabilidades directivas na Sociedade de obreiros católicos, de cuxo orfeón fixo parte, militou ao tempo na CNT, no Partido Sindicalista e na Unión Socialista Galega.
 

0.20578503608704