Satisfacción do concelleiro non adscrito de Muras polo aumento das axudas da luz

O concelleiro non adscrito de Muras, Julio Díaz, amosou a súa satisfacción trala aprobación no último pleno extraordinario da súa proposta para incrementar as axudas destinadas ao pagamento da electricidade no municipio.
A iniciativa saíu adiante no marco dunha sesión na que se abordou a sinatura do protocolo de repotenciación dos parques eólicos Muras I e Muras II, unha actuación que permitirá ao Concello aumentar os seus ingresos ata os 125.000 euros. Segundo explicou Díaz, esta mellora económica permitirá reforzar as prestacións destinadas á veciñanza.
Segundo indica o concelleiro, a súa proposta foi aceptada polo equipo de goberno e contempla un incremento das contías das axudas, así como a próxima apertura do prazo para solicitalas. No caso das empresas, a subvención máxima pasa de 1.500 a 1.700 euros, mentres que tamén se establecen achegas para a veciñanza que poden alcanzar ata os 800 euros en función da renda.
Díaz destacou que este tipo de medidas buscan favorecer o asentamento da poboación e contribuír ao desenvolvemento do municipio, subliñando a importancia de seguir avanzando en políticas que melloren a calidade de vida no rural. Ademais, avanzou a súa intención de continuar negociando co equipo de goberno para que estas axudas poidan incrementarse ata os 900 euros nos vindeiros anos.
A proposta foi aprobada coas abstencións dos grupos do PP e do PSOE, nun pleno no que o edil incidiu na necesidade de priorizar iniciativas que repercutan directamente no benestar da cidadanía. "Ante o ruído, nos facemos propostas", dixo.