Satisfacción logo das derradeiras actividades do programa Catuxa en Viveiro
O alumnado dos concellos de Viveiro, Ourol e O Vicedo fixeron un repaso inicial da primeira sesión realizada a semana pasada para detectar as súas emocións e participaron en novas dinámicas de autocontrol e autocoñecemento.
Durante esta segunda sesión os alumnos e alumnas afondaron sobre a identificación das debilidades e fortalezas nas demais persoas e das súas propias, poñendo a énfase nas debilidades e en como traballar para melloralas.
Ademais coa realización da dinámica “do nobelo”, consolidaron o respecto e a igualdade no traballo en equipo e tomaron conciencia da importancia do papel de cada persoa do conxunto para a consecución dos obxectivos comúns.
A través deste taller, enmarcado no programa Catuxa, impulsado pola Mancomunidade da Mariña Lucense, refórzase a autoestima e autocoñecemento do alumnado.
Mañá venres, 22 de marzo, o equipo Catuxa desprazarase ata o concello de Xove para traballar co alumnado de terceiro e cuarto do IES Illa de Sarón coa actividade “Desmontando o mito do amor romántico” e cun novo taller de Intelixencia emocional, social e habilidades persoais”.