Satisfacción no BNG pola declaración de impacto ambiental desfavorable do proxecto eólico de Satrebares

O BNG de Guitiriz amosou hoxe a súa satisfacción trala confirmación oficial de que o Ministerio para a Transición Ecolóxica (MITECO) vén de ditar unha Declaración de Impacto Ambiental (DIA) desfavorable para o macroproxecto eólico Satrebares (PEol 910).
Esta resolución supón, na práctica, a paralización definitiva dun parque que pretendía instalarse sobre os concellos de Guitiriz, Monfero, Abegondo, Aranga, Curtis e Oza-Cesuras.
A resolución, asinada o pasado 31 de marzo, confirma os argumentos que o BNG de Guitiriz defendeu durante meses: "a inviabilidade dun proxecto que poñía en grave risco o abastecemento de auga, a biodiversidade e o modo de vida do rural".
"Desde o BNG local, a través do seu portavoz, Alfonso Losada, queremos salientar que este éxito non tería sido posible sen a mobilización exemplar da cidadanía. Tratamos de dar a máxima información posible, colaborando e acompañando á veciñanza e implementamos unha campaña informativa porta a porta e en redes sociais que culminou coa presentación de máis de 1.500 alegacións grazas á mobilización de veciños e veciñas", explicou.
"Hoxe demostramos que cando o pobo se organiza e conta con ferramentas políticas firmes, os xigantes eléctricos non son invencibles", engade Losada, que tamén asegura que "sen está importante mobilización popular, o Concello non tería que asumir as reivindicacións da veciñanza e posicionarse contra o proxecto, despois de mantelo agochado para que se coñecerá o mínimo posible o alcance brutal do mesmo.
Estamos seguras no BNG que a veciñanza afectada non esquecerá está actitude colaboracionista e escurantista do grupo de Goberno Municipal do PSOE.
Así mesmo as alegacións que redactamos e que a veciñanza fixo súas foron determinantes para que o Ministerio non tivese máis remedio que recoñecer que este parque era un atentado ambiental".
O BNG quixo dar as grazas a cada persoa que dedicou o seu tempo a asinar, a informar aos veciños e a participar nas xuntanzas. "Esta vitoria reforza a postura da formación en defensa dunha transición enerxética xusta: Non estamos contra a enerxía eólica, estamos contra o modelo colonial que baleira o noso rural para encher as contas de resultados das grandes empresas madrileñas".
O partido agarda agora á publicación do texto íntegro da resolución no Boletín Oficial del Estado (BOE) para analizar todos os fundamentos técnicos, pero adianta que seguirá vixiante ante calquera novo intento de fragmentación ou reempaquetado do proxecto.
"Guitiriz e a comarca hoxe dormen máis tranquilos. O noso monte e a nosa auga non se venden"conclúe Losada.