Saúde, deporte e solidariedade no regreso da XIII Carreira Popular Guitiriz Termal

TerraChaXa
Saúde, deporte e solidariedade no regreso da XIII Carreira Popular Guitiriz Termal e nas fases finais da Terra Chá de futbol sala.
PRESENTACION FINAIS FUTBOL SALA XOGADE
12 Abr 2023

Ademais, o mesmo sábado 15 de abril, o Pavillón Jonathan Carro acolle as fases finais da Terra Chá de futbol sala do programa Xogade.

A xa tradicional proba deportiva Carreira Popular Concello de Guitiriz Termal regresa este sábado 15 de abril e conta xa con máis de 200 persoas inscritas a falta de que pechen hoxe as inscricións. O evento cumpre a súa XIII edición e ofrecerá tanto carreiras para todas as idades como a posibilidade de percorrer a contorna da vila guitiricense nunha andaina de 9 quilómetros que celebra a súa segunda edición.

A carreira popular foi presentada esta mañá na Casa Habanera por Iván Morado, concelleiro de Deportes de Guitiriz; Toño Teijido, atleta local e Soraya López García, en representación da asociación Mowat Wilson. A esta asociación irán destinados os fondos recadados nun evento que, así, desenvolve unha vertente de solidariedade que vencellada á saúde e ao deporte.

Fila 0 e hucha o día da carreira

Ademais, na páxina web habilitouse unha categoría Fila 0 para que calquera persoa que o desexe, participe ou non na carreira, poida facer o seu donativo á asociación. Tamén, o mesmo día da carreira haberá unha hucha para que todas as persoas poidan apoiar esta iniciativa in situ.

Esta asociación xurdiu para ofrecer información e acompañamento ás familias que teñen que convivir no día a día con esta enfermidade rara de orixe xenética que pode xerar cardiopatías, problemas xenitourinarios e retrasos no desenvolvemento psicomotriz. Ademais, a asociación permite ser un punto de encontro dixital para todas aquelas institucións, empresas e particulares que queiran axudar ou investir fondos para facilitar as actividades da agrupación.

“Animamos a todas as persoas a participar nesta iniciativa solidaria” destacou Morado que tamén agradeceu a Toño Teijido “a súa colaboración, tanto para organizar este evento como polo que fai durante todo o ano nas escolas deportivas”.

O concelleiro de Deportes rematou agradecendo tamén a colaboración de Soraya López e destacando que “esperamos que esta carreira sirva poder investigar e ter novos tratamentos para axudar a mellorar a calidade de vida das persoas que padecen esta doenza”.

Pola súa parte, Toño Teijido, explicou o programa da proba e os diferentes percorridos das diferentes categorías de carreira e andaina e valorou “a boa acollida que está a ter a proba un ano máis”.

Por último, Soraya López, comentou e agradeceu “a visibilidade que se nos proporciona con este tipo de iniciativas, ademais da axuda económica que para nós é fundamental. Gracias a todas as persoas que participan e ao Concello de Guitiriz por ternos tan presentes.

As persoas interesadas en participar tanto na modalidade de carreira como na andaina aínda poden apuntarse na páxina Champion Chip Norte ata a media noite de hoxe, 12 de abril ás 23.59 h. Concretamente, na ligazón: https://ccnorte.com/evento/detalle/page/4/id/2504/xiii-carreira-popular-concello-de-guitiriz-termalm.

En función dos grupos de idade, a carreira desenvolverase en diferentes modalidades e distancias. Os menores de 7 anos percorrerán unha distancia de 200 metros; os sub-12, 800; os que non superen os 16 anos, 1,56 quilómetros e para a categoría absoluta, 5.000 metros. A andaina tamén para adultos como para menores ten unha extensión prevista de 9.000 metros.

Máis deporte coas finais de fútbol sala da Terra Chá Xogade

A XIII Carreira Popular Concello de Guitiriz Termal non será o único gran evento deportivo no municipio deste sábado, porque o Pavillón Municipal Jonathan Carro Paz será a sede das finais da Terra Chá de fútbol sala do programa Xogade da Xunta de Galicia.

O recinto deportivo guitiricense acolle os partidos definitivos polo título de mellor equipo da comarca das diferentes categorías do torneo de deporte en idade escolar organizado pola Xunta de Galicia.

A presentación deste evento, que reunirá a 7 equipos da comarca, tivo lugar hoxe na Casa Habanera e correu a cargo do concelleiro de Deportes de Guitiriz, Iván Morado; o xefe provincial do Servizo de Deportes da Xunta de Galicia, Manuel Otero; e o coordinador da agrupación deportiva Terra Chá, Juan Somoza.

Iván Morado amosouse “encantado de que Guitiriz acolla estas finais” e animou a “todos os familiares e amigos dos participantes a que veñan e desfruten do evento e do noso gran patrimonio e gastronomía”.

Pola súa banda, Manuel Otero agradeceu “ao Concello de Guitiriz a súa colaboración e disposición permanente” e destacou “a forte aposta lúdico deportiva que aquí se desenvolve durante todo o ano”.

Calendario e horarios

A partires das 9:30 horas, distribuídos ao longo da mañá de maior a menor categoría, comezarán os partidos. Á citada hora, Vilalba e Mondoñedo xogaranse o título cadete. Ás 10:30 horas, Meira e Pastoriza xogarán polo trofeo infantil. Ás 11:30 horas, os alevíns do Concello de Guitiriz enfrontaranse a Outeiro de Rei. En prebenxamíns, nun partido previsto para as 12:30, competirán Meira contra Cospeito. E por último, ás 13:30 horas, pecharán a xornada os benxamíns do Concello de Guitiriz, tamén contra Outeiro de Rei.

Ás 14:15 horas está prevista unha entrega de premios que galardoará a todos os participantes dunha fase final da que os seus gañadores acadarán o billete para participar nos campionatos provinciais de Xogade.

PRESENTACION CARREIRA GUITIRIZ TERMAL
CARTEL FINAIS TERRA CHA EN GUITIRIZ
0.22346091270447