Seara e alumnos do Castro da Uz únense para poñer en marcha unha cooperativa educativa
A asociación de empresarios Seara e o IES Plurilingüe Castro da Uz puxeron en marcha o proxecto PROEM, de emprendemento educativo, co alumnado de 4º ESO de Economía deste centro educativo.
Así, RecreaT As Pontes é xa unha realidade, aínda que levan traballando desde o mes de outubro, e isto é así porque por fin formalizaron a súa constitución nunha Cooperativa Educativa. A súa función, organizar campionatos deportivos nos recreos do colexio.
A idea deste proxecto é a realización de actividades para fomentar a relación entre o alumnado do instituto, a través da organización de campionatos deportivos, concursos e outras actividades.
O proxecto PROEM naceu para fomentar os valores do emprendemento entre a comunidade educativa (esforzo, responsabilidade, perseveranza...), así como desenvolver certas habilidades no alumnado (traballo en equipo, comunicación ou competencia dixital).
A Asociación de Empresarios Seara leva desde o ano 2015 traballando no proxecto PROEM, esta é a súa sexta edición.
"Estamos encantados de compartir a aula cada semana con estes cooperativistas”, afirman desde o colectivo.