Seara inicia o seu programa de igualdade cun curso formativo
A asociación de empresarios Seara das Pontes presentou o Programa Integral de Igualdade, un proxecto que nace co obxectivo poñer en valor a figura da muller empresaria, emprendedora e traballadora.
A posta en marcha deste programa vén propiadao por unha conxunción de varios factores. Por unha banda a posibilidade de traballar con persoal técnico formado (a través de Euroeume), e a inquietude dunha entidade que asume a súa responsabilidade, e decide traballar en materia de igualdade para tentar sensibilizar á poboación sobre o papel que desenvolven as mulleres na sociedade.
O traballo estará resumido en cinco liñas de traballo, como a formación en igualdade, a empregabilidade en materia de igualdade, o círculo de empresarias e emprendedoras, a visibilización de proxectos liderados por mulleres e un autodiágnostico da entidade sobre a paridade nos órganos directivos, plan de igualdade, etc.
A primeira acción é a formación Igualdade retributiva: rexistro e auditoria salarial, a cargo de María Hermo, directora de Top Management Consulting.
"Recentes acontecementos relacionados coa violencia machista e violencia vicaria fíxonos reflexionar e pensar que debiamos actuar neste ámbito. É un proxecto humilde, un proxecto sinxelo pero sobre todo un proxecto no que cremos", explican.