Segue a captación de fondos para rehabilitar a Casa de Díaz Castro en Guitiriz

TerraChaXa
A raíz do último pleno do Concello de Guitiriz, a Asociación Xermolos quere facer saber que sempre concebiu a restauración da Casa de Díaz Castro coma un elemento especial na recuperación da paisaxe da aldea do Vilariño, "porque non se concibe a poesía deste autor sin estas raíces nin esta contorna" engaden.
15 Out 2018

A raíz do último pleno do Concello de Guitiriz, a Asociación Xermolos quere facer saber que sempre concebiu a restauración da Casa de Díaz Castro coma un elemento especial na recuperación da paisaxe da aldea do Vilariño, "porque non se concibe a poesía deste autor sin estas raíces nin esta contorna" engaden. Por iso, están colaborando e celebrando a iniciativa do IES Díaz Castro de ser dende fai cinco anos guieiros deste recanto, mostrando a súa arquitectura popular, flora, e fauna... a ducias de centros de ensino de toda Galiza.

O seu coordinador dende o primeiro día que tivo entre mans a obra de Díaz Castro, compartiuna con investigadores, colexios, escritores e co pobo en xeral, que disfrutan dela na Casa das Palabras. "Xermolos cando recibiu esta doazón proclamou que a ía devolver ó pobo coma xa fixo coa obra escrita e recordos que recibiu do autor. Non se pode explicar a súa obra sin coñecer a maxia do seu berce" din dende a asociación.

A Asociación Xermolos só quere manter viva a creación que resume naquel verso que inmortalizou nas pertenzas do poeta "a beleza feriume para sempre". Galiza comprendeu esta intención de Xermolos correspondendo con varias achegas neste proceso de devolver ao pobo o seu patrimonio.

Dende a asociación queren que esta casa sexa da veciñanza e tamén unha iniciativa para demostrar que o rural ten futuro. Dende a orixe, acarician este proxecto como unha fonte de recursos para a Terra Chá e Galiza en xeral. Tendo varios motivos para apostar por esta teima cultural cunha proxección etnográfica, económica, dun turismo sostible, da busca da igualdade social. É por iso, dende a presentación do proxecto falan da Casa da Xente coma un foro para o cooperativismo, produtos ecolóxicos, olimpiadas populares, memoria histórica, historia de Os Vilares e a Terra Chá e ademais bioconstrucción. É como unha sede para asociacións. No pregón da última Romería Labrega da Chaira o coordinador de Xermolos convidado pola mocidade vilarega apostou pola promoción do rural dende O Cancelo e O Vilariño, sendo fieis ao compromiso do poeta por esta cultura labrega.

A Casa da Xente pretende converterse nun espazo de dinamización e recuperación do rural galego, tentando combinar e optimizar a relación dos ámbitos cultural, educativo, social, turístico e laboral, buscando ao mesmo tempo un equilibrio que respecte e coide a nosa terra. A casa vai contar con espazos para a obra de Díaz Castro, legada polo escritor a Xermolos. Vai ser tamén un recanto para celebrar aos poetas dos ríos, os escritores que promocionaron os ríos desta comarca coa súa poesía, xa que os consideramos as veas que irrigan de vida este país.

0.15583515167236