Seis concellos da provincia de Lugo reciben as bandeiras verdes ao compromiso medioambiental

LugoXa | TerraChaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Begonte, Cervo, Cospeito, Outeiro de Rei, Ribadeo e Sober recibiron os seus distintivos nun acto celebrado en Mos
concellos-bandeira-verde-de-galicia
20 Oct 2025

Un total de 33 municipios galegos, un 40% máis que o ano pasado, conseguiron as Bandeiras Verdes de Galicia 2025, un selo da Xunta que distingue o esforzo local pola paisaxe, a eficiencia enerxética, a educación ambiental e a xestión responsable dos recursos.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, participou en Mos (Pontevedra) na entrega destes distintivos, un acto do que informou o seu Goberno nun comunicado e no que destacou como exemplo do compromiso dos concellos e os seus habitantes.

A Bandeira Verde de Galicia, creada pola Xunta en 2020, consolidouse como un distintivo pioneiro a nivel estatal. Galicia foi a primeira comunidade autónoma en contar cun selo propio que distingue o esforzo local pola paisaxe, a eficiencia enerxética, a educación ambiental e a xestión responsable dos recursos.

A Coruña é a provincia con máis concellos galardoados nesta edición (15 en total), mentres que Lugo, Ourense e Pontevedra contan con seis localidades recoñecidas cada unha. Na provincia lucense as bandeiras foron para Begonte, Cervo, Cospeito, Outeiro de Rei, Ribadeo e Sober.

Para o xefe do Executivo autonómico, esta distribución mostra que a Bandeira Verde é unha ferramenta que impulsa a cohesión territorial, xa que permite que municipios de interior e do rural teñan as mesmas oportunidades de visibilidade que os costeiros.

Rueda avanzou que en 2026 a Xunta creará a Rede de Concellos Bandeira Verde de Galicia, unha estrutura de cooperación que permitirá compartir boas prácticas, desenvolver proxectos conxuntos e ofrecer apoio técnico e económico aos municipios adheridos.

A Rede contará tamén cun foro anual de expertos e cunha páxina web de referencia, co obxectivo de reforzar o posicionamento de Galicia en Europa como territorio comprometido coa paisaxe e a sustentabilidade. O titular do Goberno galego enmarcou esta iniciativa na nova Estratexia Galega da Paisaxe Horizonte 2030, que o Instituto de Estudos do Territorio, dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, está a elaborar e que marcará as políticas públicas dos próximos anos.

A estratexia integrará a protección da paisaxe en ámbitos como a ordenación do territorio, a mobilidade, o turismo e a educación, co propósito de facer da paisaxe un eixo transversal do desenvolvemento sustentable e da identidade galega. O presidente destacou que o obxectivo da Xunta é que "a conservación da paisaxe que é tanto como dicir a conservación de Galicia e dos seus concellos estea en todas as políticas transversais".

⚙ Configurar cookies
0.076048851013184