Seis concellos da provincia e As Pontes quedan libres da praga da couza da pataca

TerraChaXa | AMariñaXa
En seis concellos demarcados -Cariño, A Laracha, Arteixo, Muxía, Burela e Trabada- séguese detectando presenza deste organismo.
Recollida de pataca
24 Nov 2021

En seis concellos demarcados -Cariño, A Laracha, Arteixo, Muxía, Burela e Trabada- séguese detectando presenza deste organismo nocivo, polo que seguirán permanecendo, ben na súa totalidade ou nalgunha parroquia concreta, na zona infestada.

Hoxe celebrouse en Santiago unha nova reunión da Comisión de seguimento da couza guatemalteca da pataca, onde os datos acadados das trampas en campo e en explotacións mostran un avance significativo na contención desta praga de corentena, un paso previo a unha posible erradicación. Dita reunión foi presidida polo subdirector xeral de explotacións agrarias, Nicasio Mejuto.

Así, tras os últimos datos de capturas, quedan totalmente libres desta praga os concellos de Cabanas, A Capela, Fene, Ferrol, Neda, Ortigueira, As Pontes de García Rodríguez, As Somozas, Cee e Fisterra. Na provincia de Lugo, saen da zona demarcada os concellos de Abadín, Muras, Ourol, A Pastoriza, A Pontenova e Riotorto.

Doutra banda, pasan a considerarse zona tampón a totalidade da superficie dos concellos de Cedeira, Cerdido, Mañón, Moeche, Narón, San Sadurniño e Valdoviño. Tamén pasan a esta demarcación as parroquias de Bardullas, Buiturón, Caberta, Couceiro, Frixe, Morquintián, Nemiña, Touriñan e Vilastose, do concello de Muxía; así como unha franxa de 5 km limítrofe cos concellos infestados que afecta a parcelas dos municipios de Camariñas, Dumbría e Vimianzo e ás parroquias de Monteagudo, Barrañán e Armentón, no concello de Arteixo; Rebordaos, Vilela e Noicela, no concello de Carballo; Cabovilaño, Lemaio e Torás, no concello da Laracha;  Cariño, Feás, Landoi e Sismundi, no concello de Cariño.

Na provincia de Lugo, a zona tampón supón os concellos de Alfoz, Barreiros, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ribadeo, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove; ademais das parroquias Balboa, Fórnea, Ría de Abres, Sante, Vidal, Villaformán e Villapena, no concello de Trabada.

En todas estas zonas tampón, os agricultores deberán comunicar inmediatamente despois da sementeira, e en todo caso antes do 1 de abril, todas as parcelas cultivadas con pataca. En canto aos operadores de pataca de semente deberán levar o rexistro de información dos compradores de pataca de semente e ter instalado no local destinado a almacén trampas de feromona específica para a captura de Tecia solanivora.

Zonas infestadas

Doutra banda, incorpórase a parroquia da Pedra, no concello coruñés de Cariño, á zona infestada pola existencia da praga da couza. Esta área súmase ás parroquias de Sorrizo e Chamín, no concello de Arteixo; de Lendo e Caión, no concello da Laracha; de Nosa Señora A O, Leis, Muxía, Moraime e Ozón, no concello de Muxía. Na provincia de Lugo considerase como zona infestada a totalidade da superficie do concello de Burela e a parroquia de Trabada, no concello homónimo.

En todas estas zonas queda prohibido o cultivo de pataca e os operadores de pataca de semente non poderán ter existencias nin comercializar este tipo de pataca. Tamén se prohibe a saída de pataca de consumo da zona infestada excepto no caso de tránsito, onde o vehículo deberá ir totalmente pechado cunha estrutura ríxida ou cunha lona protectora que se axuste perfectamente coa caixa do camión e impida calquera contacto dos tubérculos co exterior. Se o motivo da entrada de tubérculo na zona infestada é subministrar este produto dentro desa zona, en ningún caso, a pataca que entrou poderá saír da dita zona.

0.11427092552185