Seis persoas afectadas por inhalación de gases en Xermade e Muras

TerraChaXa
Os servizos sanitarios de urxencia atenderon esta madruga a seis persoas que sufriron unha intoxicación pola inhalación de monóxido de carbono nas localidades de Xermade e Muras.
11 Dec 2017

Os servizos sanitarios de urxencia atenderon esta madruga a seis persoas que sufriron unha intoxicación pola inhalación de monóxido de carbono nas localidades de Xermade e Muras.

O primeiro suceso rexistrouse pouco antes das dúas da madrugada en Muras, concretamente no lugar da Cabana, onde tres persoas tiveron que ser atendidas polos profesionais de Urxencias Médicas ao presentar síntomas de intoxicación por inhalación de gas.

Tras recibir a alerta, o persoal do 112 Galicia solicitou a intervención dos Bombeiros de Vilalba que, unha vez realizadas as medicións correspondentes, comprobaron que había presenza de monóxido de carbono na vivenda.

Ademais dos bombeiros, os xestores do 112 informaron á Garda Civil.

Aproximadamente unha hora máis tarde, na localidade de Xermade, o 112 Galicia recibiu outra alerta de tres persoas afectadas pola inhalación de gases.

Neste caso, os Bombeiros de Vilalba barallan a posibilidade de que a fuga de gases se producira a causa dun xerador de gasolina que a familia tiña instalado no interior da vivenda.

O incidente rexistrouse no lugar de Cazás e, ademais dos bombeiros, os xestores do 112 solicitaron a intervención dos servizos sanitarios de urxencia e Garda Civil.

0.16731286048889