Seitura 22 reparte as axudas Leader da comarca con repercusión nun proxecto nas Pontes

A Asociación Seitura 22 vén de aprobar de forma definitiva as axudas Leader correspondentes aos anos 2025 e 2026. A presente convocatoria beneficiará finalmente a catorce proxectos dos 24, presentados no ámbito territorial de Ferrolterra, Eume, Ortegal, ademais de Miño e Vilarmaior. Trátase de iniciativas de desenvolvemento económico e social do territorio, que recibirán no seu conxunto 377.202,45 euros.
Xa é oficial, unha vez que os promotores recibiron a Resolución oficial da axuda. Un total de catorce proxectos, localizados nos municipios de Ares (tres), As Pontes, As Somozas, Fene, Miño, Moeche, Monfero, Mugardos, Ortigueira, Pontedeume, San Sadurniño e Valdoviño, cun investimento global de máis de 1,64 millóns de euros, recibirán fondos Leader para facilitar a súa materialización e primeiros pasos ben ao longo deste ano ou ben no próximo. Desta forma, as axudas convocadas pola Axencia de Desenvolvemento Rural, e co-financiadas co Feader no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 deberán xustificarse no vindeiro ano 2026.
Ata nove das subvencións aprobadas pola xunta directiva do GDR, que preside o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, irán destinadas a proxectos de carácter empresarial. Estes absorben o 65 % do importe total a conceder. Así, as subvencións contribuirán a facer realidade varias experiencias agroecolóxicas en Ares, a ampliación dun proxecto agroecolóxico nas Pontes, creación dunha industria agroalimentaria en Miño, dúas ampliacións de instalacións en Pontedeume e As Somozas e un centro hípico en Valdoviño. Este ano como novidade convocouse o Bono Activa Rural, axuda vinculada á creación e posta en marcha de actividades económicas en zonas rurais non suxeitas á realización de inversión, concedeuse unha axuda a un centro psicopedagóxico en Mugardos.
ASOCIACIÓNS E CONCELLOS
No ámbito dos proxectos “non produtivos” privados subvencionáronse dous, un impulsado pola entidade ASPANEPS que recibirá 4.550 € para a elaboración dun estudo para a avaliación das necesidades de espazos para a prestación de servizos residenciais a persoas con problemas psico-sociais. E o outro impulsado pola Asociación Rural Contemporánea en Monfero para a observación e valorización da fauna silvestre cunha axuda de 5.547,17 €
Por último, as axudas Leader chegarán tamén a tres proxectos promovidos pola iniciativa pública (os concellos de Ortigueira, de Moeche e de San Sadurniño). No primeiro caso, solicitouse unha axuda para a creación do Bird Center “Ría de Ortigueira e Ladrido” cunha dotación de 50.000 €. No caso de Moeche a axuda está destinada á rehabilitación da Fonte-Lavadoiro de Abade por un importe de 13.437 €. O proxecto do concello de San Sadurniño é un estudo para a creación de comunidade enerxética local obtivo unha axuda de 5.372 €. Esta última iniciativa ten relación co proxecto de cooperación Leader Redenerxía promovido por parte de Seitura 22 e que esta a promover a creación de comunidades enerxéticas a través da realización de charlas informativas.
A principios do ano 2026 está prevista unha nova convocatoria de axudas Leader, si ben a previsión, e que teña unha dotación económica moi superior.