Sen cambios en Burela trala celebración dos comicios pendentes
A corporación de Burela non mudará trala repetición das eleccións nunha mesa do IES Perdouro. Así, o PSOE segue a conservar os 6 edís, o PP mantén 4 e o BNG 3. Era precisamente o terceiro escano da formación nacionalista o que estaba en liza con Burela Sempre pero un único voto marcou a tendencia para o BNG.
A participación foi máis baixa que en anteriores comicios e non chegou ao 50% do censo nunha xornada marcada pola normalidade. O reparto de votos quedou distribuido co PSOE liderando con 116 votos, o PP con 86, o BNG recibiu 63 e Burela Sempre acadou 20. Ademais rexistráronse 2 para Cidadáns e un para Vox. Finalmente tres papeletas foron declaradas en branco.
Deste xeito, no cómputo global do Concello, os socialistas foron a forza máis votada, con 1.837 votos; en segundo lugar situáronse os populares con 1.089 votos e o terceiro lugar foi para o BNG con 810 votos. Deste xeito a corporación municipal queda só con tres partidos.