Sen cinto de seguridade, permiso de conducir, seguro e ITV por Abadín
Ás cinco da tarde do mércores 18 de outubro, unha patrulla pertencente ao Subsector de Tráfico de Lugo observou, á altura da localidade de Candia (Abadín) a un condutor que non facía uso do cinto de seguridade, mentres conducía un vehículo mixto.
Unha vez detida a marcha do vehículo, os axentes observaron así mesmo que a etiqueta identificativa da inspección técnica periódica figuraba caducada, o cal puideron constatar tras solicitar a documentación do vehículo. Así mesmo puidose comprobar que o vehículo carecía de seguro obrigatorio.
Debido a que o condutor, un veciño de Abadín de 63 anos de idade, non puido acreditar estar en posesión do permiso de conducir correspondente ao tipo de vehículo, os compoñentes da patrulla consultaron na base de datos da DXT esta circunstancia, podendo constatar entón que o mesmo carecía do permiso necesario.
Por este feito o condutor foi proposto para sanción por unha infracción administrativa que pode levar unha multa de ata 500 euros.