Sen consenso no Pleno de Vilalba sobre a moción de apoio aos traballadores de Endesa

TerraChaXa
O Pleno Extraordinario ao respecto da situación da Central Térmica de As Pontes celebrado en Vilalba, rematou sen acordo logo de que o Grupo Municipal Popular rexeitara a proposta de consenso firmada polos voceiros de PSOE e Vilalba Aberta.
22 Out 2019

O Pleno Extraordinario ao respecto da situación da Central Térmica de As Pontes celebrado en Vilalba, rematou sen acordo logo de que o Grupo Municipal Popular rexeitara a proposta de consenso firmada polos voceiros de PSOE e Vilalba Aberta.

Unha emenda á moción orixinariamente presentada polo PP que tanto a voceira socialista, Marta Rouco, coma o voceiro de Vilalba Aberta, Modesto Renda, definiron de “electoralista e partidista”, así coma de pretender “rachar a dinámica de unidade da corporación” en relación cunha problemática ”de vital importancia para moitos veciños de Vilalba”.

Neste sentido, á antedita moción tipo defendida polo Partido Popular (a mesma que presentou no conxunto de concellos afectados), as dúas formacións que actualmente conforman o Goberno de Coalición no Concello de Vilalba contrapuxeron unha proposta de acordo na que figurara o “total apoio e solidariedade” do Pleno cos traballadores da Central Térmica de Endesa das Pontes, coa industria auxiliar, cos transportistas vencellados a ela e co Porto de Ferrol, reclamando ao Goberno do Estado e da Xunta de Galicia “o impulso de iniciativas que contemplen dun xeito coordinado a necesidade de apostar por un modelo racional de descarbonización e de transformación enerxética, suave e progresiva, a aposta pola economía circular e o mantemento e o impulso do emprego.”

O voceiro do PP, Agustín Baamonde, que na súa primeira intervención ratificouse na idea de que no acordo figurara a petición de dimisión da Ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, en tanto que “principal responsable da situación da central”, mostrouse reticente á proposta de PSOE e Vilalba Aberta e esixiu, na última quenda de intervencións, que figurara a reclamación en baleiro ao Goberno de España a fin da “inmediata reapertura da central.”

O Grupo Popular rexeitaba así unha declaración de consenso, o que, ao xuízo da concelleira socialista, Marta Rouco, “demostra unha vez máis que o Partido Popular actúa neste tema por intereses exclusivamente electoralistas” e para tratar de “obviar as responsabilidades da Xunta de Galicia, que nestes 10 anos de goberno do PP nin sequera perfilou unha estratexia de impulso industrial.”
Pola súa banda, o voceiro de Vilalba Aberta, Modesto Renda, censurou a actitude do Partido Popular e lamentou a ocasión perdida de dar exemplo diante da cidadanía. “Se entramos no debate do reparto de culpas podería haber propostas diferentes, pero a división e o electoralismo non solucionarán os problemas da veciñanza afectada. É unha cuestión que se debe abordar con seriedade, e cremos que era bo chegar a un acordo”.

Na mesma liña se pronunciou a alcaldesa, Elba Veleiro, quen pechou o debate poñendo en valor o exemplo que se viñera dando dende a corporación vilalbesa nas sucesivas convocatorias e mobilizacións. A este respecto, reclamou “unidade na acción das institucións e no conxunto da veciñanza” para reivindicar o “mantemento dos postos de traballo, unha transición ecolóxica suave e progresiva, e a reactivación industrial nas comarcas afectadas.”

PARTIDO POPULAR

Pola súa banda, o portavoz do grupo municipal popular no Concello de Vilalba, Agustín Baamonde, asegura que "os socialistas asumen o peche da central térmica de As Pontes". Así o entendeu "á vista da emenda que os concelleiros do PSOE e de Vilalba Aberta presentaron á moción do PP para reclamar do Goberno central a adopción de medidas urxentes para garantir o futuro da térmica de Endesa en As Pontes". O PP rexeitou a emenda do goberno vilalbés e non puido facer que prosperase a súa iniciativa en defensa de Endesa-As Pontes. O pleno, de carácter extraordinario e solicitado polo PP, foi convocado pola alcaldesa para as oito da mañá, unha hora que foi criticada por Baamonde, xa que entendeu que "foi unha manobra para desincentivar a asistencia de público á sesión".

A moción presentada polo PP incluía a solicitude de dimisión da ministra de Transición Ecolóxica, no caso de que non foran adoptadas as medidas precisas para garantir o futuro de Endesa-As Pontes.

Baamonde, na súa intervención, destacou "a gravísima situación que afecta ao sector industrial de Galicia" que, na provincia de Lugo, se concreta nos casos de Alcoa-San Cibrao e Endesa-As Pontes, neste último caso con "transcendencia excepcional na Terrá Chá, en xeral, e en Vilalba en particular". Resumiu a orixe do problema que afecta a térmica en dos puntos: por un lado, o prezo de produción e, por outro o ciclo do carbón. Preguntouse por que tería que pechar a térmica das Pontes cando hai outras moitas en varios países de Europa que seguirán funcionando ata completar unha transición enerxética programada e ordenada. No caso de Endesa-As Pontes destacou a inversión prevista en acomodar esta industria á nova normativa reguladora de emisións. Baamonde resaltou tamén que os transportistas adaptaron as súas flotas aos novos requirimentos e algúns deles non puideron nin estrear os camións. Apuntou que a empresa probablemente o que intenta é conseguir axudas e subvencións para a readaptación da central. Baamonde manifestou: "A empresa sabe que a decisión de pechar encaixa na política enerxética do Goberno socialista de Madrid, que mantén unha posición moito máis ideolóxica que práctica". Quixo deixar unha mensaxe de esperanza: "Pedimos este pleno con sentido positivo, porque cremos que aínda hai solucións se de verdade se queren adoptar".

O voceiro popular en Vilalba manifestou: "Todos somos conscientes de que o ciclo do carbón ten un prazo de caducidade, pero non pode rematar de maneira abrupta. En Europa (Inglaterra, Alemaña, Italia) hai moitas e van seguir, porque a transición ten que ser ordenada e escalonada". Nun momento da súa intervención, Baamonde dixo que "da a impresión de que o criterio que sigue o Goberno socialista de España é o de durmir o problema". Manifestou que a ministra de Industria, Reyes Maroto, e o titular de Fomento, José Luís Ábalos, con respecto a Alcoa-San Cibrao y Endesa-As Pontes "estiveron calados como mortos" nas súas visitas a Lugo. Rexeitou o argumento dos socialistas en canto a que o de Pedro Sánchez é un Goberno en funcións recordando que "tamén estaba en funcións cando os venres sociais e adoptaba medidas; pois agora estanlle pedindo que goberne".

Baamonde dixo dirixíndose ao grupos de goberno: "Vostedes dan por morta a central térmica de As Pontes". Así entendeu o voceiro popular a emenda dos grupos socialista e de Vilalba Aberta, que, finalmente, non aceptou porque entendeu que, na redacción proposta, "asúmese o peche da central de As Pontes".

 

0.1972188949585