Senadores do PP alertan da falta de electrificación da liña ferroviaria de Lugo á Coruña

Os senadores do Partido Popular pola provincia de Lugo -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- advirten que “o Goberno de Sánchez non ten ningunha planificación” nin proxecto, nin prazo nin previsión para a modernización e electrificación do eixo ferroviario Lugo-A Coruña-Ferrol.
En declaracións aos medios dende a estación de tren de Guitiriz, acompañados polo portavoz local José Manuel López, afearon ao Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible que “non concrete nada” na súa resposta oficial en relación á pregunta formulada polos representantes lucenses no Senado.
O tramo ferroviario dende Lugo ata A Coruña será dos poucos que quedan en España cun trazado e infraestrutura do século XIX. “A falta de electrificación fai que por ela aínda circulen trens a gasóleo: esta será das poucas liñas a nivel nacional que quede sen electrificar”.
Ademais, o seu deseño, cun trazado sinuoso e con bastante desnivel, condiciona a velocidade e a circulación de trens máis modernos e rápidos como poden ser os AVE.
O portavoz do PP local expuxo a situación de Guitiriz en materia de comunicacións dependentes do Estado: “estabamos mellor no século pasado”. Na actualidade “non dispoñemos de conexións efectivas coa Meseta porque, á parte de non ter conexión co AVE xa que a vía está sen electrificar e por ela circulan aínda os trens diésel, tampouco dispoñemos do servizo de buses que antes nos conectaban coa Meseta, Cantabria ou o País Vasco”.
MENOS FRECUENCIAS E ESTACIÓN SEN TRENS AVE
Balseiro asegura que “os investimentos na provincia de Lugo dos que presume o Goberno de Sánchez e o PSOE lucense -entre os que se inclúe unha intermodal en Lugo- son para dispoñer de moitas menos frecuencias que había antes e para seguir circulando os mesmos trens: non vai circular o AVE, nin os trens Avlo ou Avril”.
Ademais, “esta liña quedará desconectada das grandes infraestruturas ferroviarias a nivel nacional e, incluso, europeo”, engade, “porque tampouco está incluída no Corredor Atlántico de Mercadorías do que queda excluída a cidade de Lugo”.
Os senadores inciden na “discriminación” do Goberno de Sánchez á provincia de Lugo, especialmente en materia de conexións ferroviarias; especialmente porque “Lugo queda fóra do AVE despois de que Sánchez renunciara ás variantes de Os Peares-Canabal e Rubián, imprescindibles para reducir os tempos da viaxe con Ourense”.
Á redución das frecuencias durante a pandemia que aínda non foron recuperadas -o tren hotel a Barcelona ou a conexión co País Vasco-, sumase un novo recorte nas frecuencias entre Lugo e Madrid aplicado este verán. Os lucenses non dispoñen de servizo para chegar á capital no propio día en horario de mañá; xa que o primeiro tren procedente de Lugo chegaría despois das dúas do mediodía.
E, todo coa complicidade do PSOE lucense -o alcalde de Lugo e presidente da Deputación e secretario xeral do PSdeG da provincia- e do BNG, que apoia o Goberno de Sánchez en Madrid”.