Senadores do PP de Lugo advirten que Sanchez “non pensa facer o novo cuartel de Vilalba”

Os senadores do PP lucense – José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano – consideran que “o Goberno de Sánchez se desdí do que prometeu e non pensa facer o novo cuartel da Garda Civil en Vilalba” á vista da resposta oficial ás súas preguntas.
Os populares condenan, ademais, que “en documento oficial eviten responder directamente as preguntas formuladas” e que “en lugar diso, aportan información dun período anterior á data do seu propio anuncio, no 2020, como escusa”. Polo tanto, entenden que “xa enganaron aos veciños e veciñas no ano 2020 cando anunciaron un investimento de 2,8M€ para unha actuación que sabían que non ían acometer”.
Os senadores querían saber en que punto se atopaba o compromiso anunciado polo Goberno de España para a construción dun novo cuartel da Garda Civil en Vilalba en relación ao investimento e calendario de actuacións; así coma os motivos polos que, cinco anos despois, aínda non se materializara. De feito, non consta información pública actualizada sobre o estado do proxecto nin sobre o seu calendario de execución.
Os representantes do PP lucense no Senado lembran que a Garda Civil desempeña un papel esencial na garantía da seguridade cidadá, especialmente no medio rural, onde a dispersión xeográfica e as características do territorio esixen unha resposta áxil e eficaz.
Neste contexto, dispoñer dunhas instalacións modernas, adecuadas e funcionais non só melloraría as condicións laborais e de benestar do persoal destinado no cuartel, senón que tamén permitiría optimizar os tempos de intervención, reforzar a capacidade operativa e mellorar a atención á poboación. Neste caso, na comarca da Terra Chá.
Do mesmo xeito, sinalan que a existencia dun cuartel adaptado ás necesidades actuais contribuiría de maneira decisiva a reforzar a sensación de seguridade entre os veciños e veciñas de Vilalba e dos municipios da contorna, consolidando a presenza do Estado e dos servizos públicos nunha zona estratéxica da provincia de Lugo.