Senadores do PP esixen explicacións polo atraso do novo cuartel da Garda Civil de Vilalba

Os tres senadores do PP lucense pola provincia, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, anunciaron que preguntarán no Senado sobre en que situación se atopa o compromiso anunciado polo Goberno de España para a construción dun novo cuartel da Garda Civil en Vilalba, así como os motivos polos que, cinco anos despois do anuncio, esta actuación aínda non se materializou.
Así o anunciaron os senadores do PP de Lugo esta mañá xunto a representantes do PP de Vilalba.
No ano 2020, o Goberno anunciou publicamente a intención de destinar unha inversión de 2,8 millóns de euros para a construción dun novo cuartel da Garda Civil na capital chairega, unha actuación amplamente demandada tanto pola cidadanía como polos propios profesionais que prestan servizo na comarca.
Os senadores populares lembran que a Garda Civil desempeña un papel esencial na garantía da seguridade cidadá, especialmente no medio rural, onde a dispersión xeográfica e as características do territorio esixen unha resposta áxil e eficaz.
Neste contexto, dispoñer dunhas instalacións modernas, adecuadas e funcionais non só melloraría as condicións laborais e de benestar do persoal destinado no cuartel, senón que tamén permitiría optimizar os tempos de intervención, reforzar a capacidade operativa e mellorar a atención á poboación.
Do mesmo xeito, sinalan que a existencia dun cuartel adaptado ás necesidades actuais contribuiría de maneira decisiva a reforzar a sensación de seguridade entre os veciños e veciñas de Vilalba e dos municipios da contorna, consolidando a presenza do Estado e dos servizos públicos nunha zona estratéxica da provincia de Lugo.
Transcorridos cinco anos desde o anuncio desta inversión, non consta información pública actualizada sobre o estado do proxecto nin sobre o seu calendario de execución.
Ante esta situación, os senadores do PP de Lugo solicitaron ao Goberno que aclare en que estado se atopa o compromiso para a construción do novo cuartel da Garda Civil en Vilalba, se se mantén a inversión prevista de 2,8 millóns de euros e se existe un calendario concreto para a redacción do proxecto, licitación e execución das obras, así como cales foron os motivos polos que esta actuación non se levou a cabo ata o momento.
Os populares subliñan a importancia de avanzar nesta infraestrutura “necesaria para mellorar as condicións de traballo da Garda Civil e reforzar a seguridade na Terra Chá”, polo que reclaman ao Goberno información clara sobre o futuro deste proxecto.