Senadores piden ao Goberno central desde Cospeito o reforzo da resposta ante a dermatose nodular

TerraChaXa
Barreiro, Balseiro e Serrano visitaron unha gandería neste municipio acompañados polo alcalde, Armando Castosa
senadore-del-PP-cospeito
30 Jan 2026

Os senadores do Partido Popular pola provincia de Lugo -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- anuncian a presentación dunha iniciativa na Cámara Alta para esixir ao Goberno de Sánchez que lidere e impulse medidas urxentes, eficaces e homoxéneas, en coordinación coas comunidades autónomas, en relación coa dermatose nodular contaxiosa que supón un risco para o gando bovino.

Os senadores populares deron conta desta iniciativa durante unha visita a unha gandaría do municipio de Cospeito acompañados polo alcalde, Armando Castosa, para recoller as demandas do sector e coñecer de primeira man a preocupación en relación con esta enfermidade vírica que, aínda que non representa risco para a saúde humana, si ten un forte impacto para a saúde animal e a economía das explotacións.

Os populares lembran “o peso estratéxico do sector bovino”, especialmente en provincias como a de Lugo e no conxunto de Galicia “onde somos a segunda comunidade autónoma en censo bovino e a primeira en produción láctea”.

Ante a preocupación e a incerteza dos gandeiros, dende o Partido Popular esixen “unha resposta estatal” para protexer ao sector e garantir unha xestión sanitaria “coherente, proporcionada e eficaz”, toda vez que as medidas adoptadas ata o momento polo Goberno de España “foron insuficientes, pouco homoxéneas entre os distintos territorios e carentes de coordinación”.

Así, concretamente, o Grupo Popular esixirá dende o Senado ao Goberno de Sánchez que asuma un maior liderado e coordinación na xestión da dermatose nodular contaxiosa garantindo información epidemiolóxica actualizada e homoxénea a tódalas comunidades autónomas.

E tamén que adopte medidas concretas como impulsar ante a Comisión Europea revise a clasificación da enfermidade, que actualmente está clasificada como Categoría A, “que implica restricións moi duras e unha carga excesiva para as explotacións a pesar de que non supón riscos para as persoas”.

Tamén consideran necesario promover e financiar liñas de investigación para o desenvolvemento dunha vacina marcada, que permite diferenciar entre animais vacinados e animais infectados, para garantir a seguridade sanitaria e evitar sacrificios masivos.

Por outra banda, cren que se debe incorporar esta enfermidade ao catálogo de coberturas do sistema de seguros agrarios, con valores de compensación acordes aos prezos reais do mercado. E, do mesmo, actualizar tamén o baremo de indemnización por sacrificio obrigatorio.

Os populares animan a “tomar exemplo” das actuacións por parte do Goberno galego, dentro das súas competencias, para protexer a cabana gandeira galega e dar resposta ás preocupacións do sector”.

Neste sentido, lembraron que a Xunta, antes de que esta enfermidade chegase a España, realizou unha campaña de concienciación co sector para solicitar extremar as medidas de bioseguridade. A maiores, no momento que apareceron os primeiros casos en Girona, reuniuse a todo o sector para explicarlles as medidas de prevención que se tomaron, e que foron variando ao longo dos meses en función das recomendacións dos técnicos segundo a situación epidemiolóxica. Neste sentido, onte mesmo o Goberno galego decidiu prorrogar un mes máis as medidas cautelares co obxectivo de protexer a cabana bovina galega.

⚙ Configurar cookies
0.075029134750366