Sergio Lozano Granda gaña o Volante Deputación na Pastoriza

LugoXa | TerraChaXa
160 pilotos participaron na formación teórica e nas probas que se celebraron durante a fin de semana
prueba-medidas
23 Jun 2025

Sergio Lozano Granda foi o vencedor do premio Volante Deputación, que se celebrou ao longo desta fin de semana no circuíto da Pastoriza co patrocinio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O mozo, de Pacios, no Concello de Castro de Rei, de 22 anos, foi o máis rápido na final que se celebrou este domingo, polo que recibe como premio a participación como piloto titular no Rally San Froilán 2025, a bordo dun Dacia Sandero, dentro da estrutura do equipo da escudería PTC. Unha oportunidade para iniciarse na competición de forma totalmente gratuíta e nunha das probas de maior prestixio do calendario galego de asfalto.

Iván Barreira García e Andrés López Gandoy completaron o cadro da final, que puxo fin a dúas xornadas de intensa actividade no circuíto municipal pastoricense, o único circuíto oficial destas características na provincia de Lugo

Na entrega de premios, a deputada Iria Castro felicitou a gañador e finalistas “polo traballo realizado durante as dúas xornadas no circuíto” e valorou “o interese que ano tras ano desperta esta proba, que demostra a importancia que o coñecemento e a formación técnica teñen á hora de competir”

A responsable provincial reafirmou o “compromiso da Vicepresidencia da Deputación de Lugo coa continuidade deste premio, que ofrece a pilotos noveis a posibilidade de formarse e iniciarse na competición, alimentando desde a base a afección a este deporte que ten moito arraigamento nas distintas comarcas”

Preto de 160 pilotos participaron na proba organizada por PTC Escuela, que combina formación en condución deportiva e competición. Todos os participantes recibiron un curso de formación técnica e condución segura, para igualar e equilibrar os coñecementos.

Posteriormente, durante a xornada do sábado e na mañá do domingo, divididos en grupos e acompañados por persoal técnico da escudaría, realizaron probas cronometradas con vehículos tamén proporcionados pola escudaría. Pola tarde, disputouse a semifinal - na que participaron os dez máis rápidos nas roldas previas por grupos - e a final.

Preparación para a participación no Rally San Froilán

Sergio Lozano, que participaba por primeira vez no Volante, terá a oportunidade de seguir perfeccionando a súa destreza ao volante nos vindeiros meses, nos que recibirá formación específica para participar no rally San Froilán como piloto da escudería PTC e con opcións de puntuar Sandero Eco Cup Galicia, unha das copas de promoción do rally.

O Volante Deputación de Lugo, que se celebrou por primeira vez en 2012, deu a oportunidade de iniciarse na competición automobilística a máis dunha ducia de mozos lucenses. Sergio Lozano súmase a unha lista da que son parte Carlos López, Juan López, Jairo Castro, Francisco Dorado, Joshua Polo, Rubén Sánchez, José Miguel Rodríguez, Carlos Rodríguez, Jairo Fernández, Pablo Guerra, Ánxel Vizoso, Hugo Iglesias e Pablo López, gañadores das sucesivas edicións da proba.

O impulso do Volante Deputación reforza a rede de apoio ao automobilismo da área de Deportes da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que dá soporte económico ás principais probas de rally de asfalto e de rally de montaña que se celebran na provincia – o Rallly da Mariña, o Rally San Froilán, a Subida a Taboada, a Subida á Pontenova ou a Subida a Chantada – e convoca, cada ano, unha liña de axudas para pilotos de rally, cun investimento total de 45.000 euros. A área de Deportes convoca tamén anualmente bolsas para pilotos de rally, con achegas entre os 300 e os 2.500 euros de acordo cos resultados acadados polas persoas solicitantes nas probas disputadas en campionatos galegos, estatais e internacionais.

⚙ Configurar cookies
0.16174793243408