Ses encabeza o cartel da I Foliada de Reigosa
A I Foliada de Reigosa terá lugar o sábado 28 de outubro coincidindo co primeiro aniversario da feira tradicional. Ses será o principal atractivo dun cartel que completan dous grupos de cantareiras e pandereteiras, dúas agrupacións de gaiteiros e un obradoiro de baile.
O último sábado do mes de outubro arrancará coa feira recuperada hai un ano pola directiva da asociación de veciños de Reigosa. Haberá postos de todo tipo e animación de rúas e bares con música tradicional. Un dos grupos de gaitas que vai amenizar a xornada de mañá será o de Brisas del Eo, exemplo de agrupación do occidente asturiano que mantén a gaita galega. Poderase degustar polbo e churrasco no interior da casa sociocultural da parroquia.
A partir das seis da tarde, como espazo para reivindicar o folclore popular galego, non faltará o baile tradicional cun obradoiro impartido por Xabier Iglesias, director do grupo Espazo Artístico 10 de Lugo. Dende o ano 1990 vén compaxinando a labor de investigación da cultura tradicional coa promulgación e ensinanza desta. Ten colaborado e pasado por escolas e grupos como Xacarandaina, Cantigas e Agarimos, Violia ou Cántigas e Frores, onde dirixiu durante 10 anos o grupo de baile da asociación.
Ás 20:00h comezará a foliada da man das cantareiras de Meira para dar paso ás Maianas de Ames. Este último grupo, creado no ano 2007, ten xa dous discos no mercado e foi gañador do concurso de música emerxente en galego “Novos Valores Festigal” no ano 2015. Actuaron nos premios Martín Códax da música así coma en programas coma o Luar ou A Solaina da TVG.
María Xosé Silvar, máis coñecida como “Ses”, actuará en acústico no interior da casa social de Reigosa a partir das dez da noite. O aforo será limitado e as entradas xa están á venda en varios puntos da provincia lucense (Reigosa, A Pastoriza, Meira e Lugo). Pecharán a xornada o grupo de gaitas Os Valuros de Castro de Rei, agrupación que naceu no 1990, e Son de Lugh de Lugo.
Outro atractivo da xornada será o sorteo de produtos galegos que se fará nas pausas de cada un dos concertos. Dende a directiva da asociación afirman que a colaboración das pequenas e medianas empresas con esta actividade está sendo “espectacular”. “Estamos recibindo unha incrible acollida por parte dos comercios galegos para poder levar a cabo esta foliada. Imos sortear produtos moi diversos, dende uns zocos de Elena Ferro ata lotes de xabóns de Allariz e Naturavia, packs de café Candelas e ata vales de actividades en ximnasios. Colaboran con nós empresas de renome na nosa comunidade coma, por exemplo, o obradoiro de gaitas Seivane, e cada día recibimos máis regalos” di María López, vogal da asociación de veciños de Reigosa.
Dende a directiva aseguran que o evento está a causar gran expectación e agardan unha gran afluencia o próximo 28 de outubro para conmemorar o primeiro aniversario da feira.