Sesión de monicreques este sábado na casa museo de Manuel María

TerraChaXa | LugoXa
Os Monicreques de Kukas, compañía teatral da que fan parte Santiago de Marcelino Kukas e Isabel Rei, estará este sábado, 17 de febreiro, ás 17 horas, na Casa-Museo Manuel María para representar De trebellos, perellos e fedellos.
kukas casa museo manuel maria portada
15 Feb 2024

Os Monicreques de Kukas, compañía teatral da que fan parte Santiago de Marcelino Kukas e Isabel Rei, estará este sábado, 17 de febreiro, ás 17 horas, na Casa-Museo Manuel María para representar De trebellos, perellos e fedellos. Xan Perillán vai á biblioteca. Espectáculo, este, dirixido para as crianzas de tres a oito anos, e en que o protagonista, Xan Perillán, a través da pintura, a maxia e os monicreques, representa varios poemas do libro “De trebellos, perellos e fedellos”, do que é autor e ilustrador o propio Kukas.

Os Monicreques de Kukas é a compañía profesional de teatro de obxectos máis antiga de Galiza, con corenta e cinco anos, e unha das máis estábeis no panorama teatral galego, producindo cáseque cincuenta montaxes teatrais, entre espectáculos con monicreques, ruadas e teatro de actor. Compañía que abriu innovadores camiños na investigación e creación de novos prototipos de marionetas, e na difusión, en galego, desta arte, dignificándoa e promovendo entre todo tipo de públicos, e cunha sempre coidada posta en escena, quer no aspecto plástico e visual, quer na interpretación e dramaturxia.

Para asistir ao espectáculo é necesario reservar (billete 2 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.

0.12518405914307