Sete empresas optan á obra da estrada de Xermade a Cabreiros
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de recibir un total de 11 ofertas para executar as obras de mellora de firme da estrada LU-170 entre Xermade e Cabreiros, cun investimento autonómico de 450.000 euros.
Esta actuación, de reforzo da seguridade viaria na estrada que une Parga con Cabreiros ao seu paso polo municipio de Xermade, comprende actuacións no treito de 5,5 quilómetros que une os citados núcleos, Xermade e Cabreiros.
As obras contan cun prazo de execución de tres meses e prevese inicialas no verán co obxectivo de telas rematadas este mesmo ano.
As intervencións previstas entre os núcleos de Cabreiros e de Xermade permitirán mellorar o firme entre a intersección da Pena e Cabreiros, xusto onde comeza o treito rehabilitado pola Xunta hai uns anos.
Os traballos consisten na mellora do firme en toda a superficie da estrada, mediante o estendido dunha nova capa de rodadura de altas prestacións nos treitos que presentan mal estado, para incrementar a adherencia, reforzar a seguridade e ofrecer maior comodidade na condución aos usuarios. A actuación inclúe, ademais, a limpeza das marxes da estrada, a reposición e o pintado das marcas viarias e o reforzo da sinalización vertical.
Ademais, nos treitos con menor ancho e con gabias profundas, disporanse cunetas de seguridade, que poden ser rebasables e utilizarse en caso de ser necesario. Colocaranse, tamén, barreiras de seguridade onde haxa desniveis e sistemas de protección para motoristas.
Esta actuación do departamento que dirixe Ethel Vázquez enmárcanse no Plan de reforzo de firmes, ao que este ano se destinará ao acondicionamento das estradas autonómicas da provincia de Lugo un investimento de 4,6 M€. O obxectivo é executar e ter rematadas estas actuacións este mesmo ano 2021.