Sete Pontes de Vilalba pide máis tempo de exposición pública do inventario de camiños

TerraChaXa
A Asociación de Empresarios Sete Pontes de Vilalba, no referente ao inventario de camiños felicita ao Concello pola forma de presentación.
camino santiago vilalba turistas
2 Apr 2022

A Asociación de Empresarios Sete Pontes de Vilalba, xunto aos seus asociados e  demais veciños, no referente ao inventario de camiños que o Concello de Vilalba  sacou a exposición pública, felicitou ao Concello e ao seu equipo técnico pola  forma de presentación. O inventario pódese consultar polos interesados, que  somos todos, na propia páxina web do Concello: https://www.vilalba.gal/marcourbanistico/  

"Que a extensa rede de estradas, pistas e camiños rurais públicos de Vilalba, do mesmo xeito que en todos os concellos de ámbito rural, estean en bo estado de  conservación e uso, é indispensable para o desenvolvemento actual e futuro,  principalmente para as zonas rurais, por ser o seu elemento de comunicación  esencial e, por tanto, para fixar a poboación", engaden dende o colectivo.  

A Asociación de Empresarios Sete Pontes de Vilalba tamén considera moi  importante que este traballo roce a perfección, que non quede nada mal  inventariado, "dado que iso contribuirá a solucionar moitas das disputas entre veciños pola titularidade dos accesos ás súas propiedades".  

Os inventarios de camiños teñen natureza xurídica que vincula ao propietario (Concello) coa súa conservación e protección. "Consideramos que é hora de que as administracións asuman a súa cota de responsabilidade, realizando o inventario, e realizándolles todas as labores de conservación e mantemento necesarias", din.  

"Ao contrario que no referente á súa exposición, consideramos que o inventario propiamente dito, está moi lonxe dunha aceptable realización. Procedendo a unha consulta aleatoria, obsérvase rápidamente que faltan vías públicas que mesmo están asfaltadas e catastradas.  

Tampouco parece obedecer a un mesmo criterio a clasificación que se lles outorga, sobre todo os clasificados como principal e secundario, diríase que máis se realizou sobre plano que sobre o terreo e que os técnicos non eran suficientemente coñecedores do territorio e que non se dedicou o tempo necesario para o alcance  do traballo", detallan.  

Por iso, a Asociación de Empresarios Sete Pontes de Vilalba pide a todos os  cidadáns que poidan verse afectados, "que somos a maioría", que procedan a revisar  aquelas estradas e camiños que van ás súas vivendas e propiedades e comproben se estas están inventariadas e, se o están correctamente, "considerando que se algún camiño privado queda inventariado como público, poden chegar a perder a súa propiedade", recalcan.  

Tamén lle suxire ao Concello que repasen o inventario, realice unha campaña de concienciación entre os cidadáns para que o consulten e aporten novos datos, para que conxuntamente se consiga actualizar fielmente o inventario, e lle piden que alongue o prazo de exposición polo menos dous meses máis ou o tempo que sexa necesario.

0.17283320426941