Simón Lamas anuncia a súa dimisión na dirección do Racing Vilalbés
Simón Lamas non continuará no Racing Villalbés a vindeira tempada. Así o anunciou o propio adestrador hoxe en rolda de prensa, unha vez rematada a tempada e co equipo de regreso á Terceira División despois dun ano facendo historia en Segunda Federación.
Logo de toda unha vida dedicada ó club, no que se iniciou de rapaz no fútbol base e no que continuou cunha extraordinaria traxectoria desde o banco, "o club perde a un gran profesional e a unha excepcional persoa", anunciaron desde a entidade.
Máis aló dos fitos históricos acadados da súa man, como os ascensos a 2ªRFEF ou a División de Honra Xuvenil, "sempre nos quedaremos co seu enorme compromiso e traballo. Non é nada doado contar nun proxecto con alguén con tanto sentimento de pertenza e que loitara tanto por facer medrar o club día tras día".
Os responsables do club reiteraron o seu agradecemento, "só nós queda desexarlle moita sorte para o futuro, tanto no eido persoal como no profesional. Moitas grazas por todo, Simón! Aquí sempre terás a túa casa".