SOA, Casa Nistal e O Galo Checo, gañadores do XII Que bo estás Guitiriz

A duodécima edición do concurso de tapas Que bo estás Guitiriz, organizada pola Asociación de Hostalería de Guitiriz Debares, pechouse cun notable éxito de participación e cunha alta implicación tanto dos establecementos hostaleiros como da clientela. O certame desenvolveuse entre o 9 e o 15 de marzo, consolidándose un ano máis como unha cita destacada no calendario gastronómico local.
Tras o reconto público de votos celebrado o 18 de marzo no Café Pub SOA, coñecéronse as propostas gañadoras desta edición. O primeiro premio foi para o Café Pub SOA, que repetiu triunfo por segundo ano consecutivo coa súa tapa Kino Dulzón. O segundo posto recaeu en Casa Nistal, grazas á súa elaboración Morocha do Mar, mentres que o terceiro premio foi para O Galo Checo coa proposta #Queninpintada.
Nesta edición participaron un total de sete locais da vila, que ofreceron as súas creacións ao público durante sete días en horario de 20:00 a 23:00 horas. As tapas, cun prezo de 3 euros —4,50 euros se se acompañaban co viño oficial—, foron valoradas polos propios clientes, que tiveron en conta aspectos como o servizo, a presentación e o sabor.
O sistema de votación esixiu completar a ruta polos sete establecementos para validar as papeletas, o que favoreceu unha ampla participación e dinamización da hostalería local. Ademais, as persoas participantes puideron optar a distintos premios económicos mediante sorteo, unha vez depositadas as súas cartillas nas furnas habilitadas.
Desde a organización destacaron o bo desenvolvemento do evento e a calidade das propostas presentadas, que volveron situar a Guitiriz como un referente gastronómico, ao tempo que se reforza o apoio ao sector hostaleiro da vila.