Socialistas de Abadín denuncian que o Concello tivo que pagar unha multa
Pablo Díaz López remarca que o Concello de Abadín tivo que facer fronte a este pagamento de xeito urxente á Conselleira de Facenda “co fin de certificar que o Concello non ten débedas pendentes, e para poder solicitar a correspondente subvención para o Servizo de Atención Temperá”.
“O Concello de Abadín ten que pagar unha multa por un importe de 3.005 euros imposta polo Director Xeral de Saúde Pública, por un problema contra a saúde pública”. Así o anunciou o voceiro socialista Pablo Díaz López, tras coñecer o decreto que asina o alcalde de Abadín, no que se pode comprobar o pagamento desta sanción imposta o pasado 30/07/2019.
Díaz López remarca que o Concello de Abadín tivo que facer fronte a este pagamento de xeito urxente á Conselleira de Facenda “co fin de certificar que o Concello non ten débedas pendentes, e para poder solicitar así a correspondente subvención destinada ao Servizo de Atención Temperá, incluída no Marco da Rede Galega de Atención Temperá, asinado xunto con outros nove concellos”, sinala.
“Unha vez máis ás veciñas e veciños de Abadín teñen que sufrir a incompetencia do alcalde, xa que por unha banda sancionan ao Concello por un problema tan grave contra a saúde pública, e por outra banda, o Concello ten que asinar un pago urxente debido que o alcalde, tampouco é capaz de abonar as débedas pendentes municipais, como neste caso, e que foi imposta no ano 2019”, criticou.
O voceiro socialista anunciou que reclamará explicacións na vindeira sesión plenaria para coñecer o expediente completo desta sanción. “O alcalde actúa dilixentemente para pagar os salarios dos Concelleiros do Equipo do Goberno, pero non para atender aos pagos que ten pendentes o Concello, como neste caso a multa contra a saúde pública no pavillón, un expediente que se xa iniciou no ano 2018”.