Soexo celebra unha nova edición da súa Festa da Empanada, Polbo e Carne ó Caldeiro

A parroquia de Soexo, no municipio de Vilalba, acollerá este sábado, 11 de abril, unha nova edición da súa Festa da Empanada, Polbo e Carne ó Caldeiro, un evento que combina gastronomía popular, música en directo e convivencia entre veciños e visitantes.
A xornada comezará ás 13:30 horas cunha sesión vermú amenizada polo trío musical Calibre, que dará paso, xa ás 15:00 horas, á tradicional comida no campo da festa. O menú inclúe pratos típicos como empanada, xamón cocido, polbo, carne ao caldeiro ou churrasco, ademais de sobremesa, bebidas, café e licores. O servizo correrá a cargo de Catering Bar Fénix.
O evento está aberto a todo o público, con prezos diferenciados entre socios e non socios, así como tarifas especiais para nenos.
A programación continuará pola tarde, a partir das 18:30 horas, cunha sesión de baile e festa rachada que se prolongará ata ben entrada a noite, tamén coa actuación do trío Calibre.
A Asociación de Veciños de Soexo destaca que o recinto contará con carpa climatizada, garantindo así o desenvolvemento da festa independentemente das condicións meteorolóxicas.