Sofía e Mateo son os nomes máis frecuentes dos cativos que nacen en Galicia

TerraChaXa | LugoXa
O Instituto Galego de Estatística (IGE) vén de publicar a ‘Estatística de nomes dos neonatos galegos’ correspondente ao ano 2018, que reflicte que ‘Sofía’ e ‘Mateo’ son os nomes máis frecuentes das nenas e nenos nados en Galicia.
31 Out 2019

O Instituto Galego de Estatística (IGE) vén de publicar a ‘Estatística de nomes dos neonatos galegos’ correspondente ao ano 2018, que reflicte que ‘Sofía’ e ‘Mateo’ son os nomes máis frecuentes das nenas e nenos nados en Galicia. 

Os nomes de mulleres máis frecuentes son ‘Sofía’, ‘Noa’, ‘Daniela’, ‘Martina’, ‘Sara’ e ‘Valeria’. Se se compara co 2017, os cinco primeiros continúan na mesma posición mentres que ‘Lucía’ desaparece do sexto lugar e é substituído por ‘Valeria’. Pola contra, se se establece unha comparativa co ano 2008, só se manteñen dous nomes entre os seis primeiros nomes máis frecuentes que son ‘Noa’ e ‘Sara’.

En canto aos nomes masculinos, a estatística mostra que os seis máis frecuentes son ‘Mateo’, ‘Martín’ ‘Lucas’, ‘Hugo’, ‘Leo’ e ‘Daniel’. A mesma comparativa co 2017 reflicte que estes eran tamén os nomes preferentes nese ano aínda que en posicións distintas, agás ‘Enzo’ que desaparece e é substituído por ‘Daniel’. Pola contra, se se establece unha comparativa co ano 2008, só se manteñen ‘Hugo’ e ‘Daniel’.

Por outra banda, se se amplía a mostra e se teñen en conta os 20 primeiros nomes, pódese ver como, entre 2017 e 2018, no caso dos nenos todos os nomes coinciden agás ‘Diego’, ‘Mario’ e ‘Alex’ que no 2018 son substituídos por ‘Nicolás’, ‘Anxo’ e ‘Roi’. En canto ás nenas, no 2018 soben á lista ‘María’, ‘Lía’ e ‘Mía’ e desaparecen ‘Paula’, ‘Iria’ e ‘Sabela’. Ademais, na actualidade medra a tendencia a empregar nomes galegos tanto para as nenas (‘Noa’, ‘Antía’ ou ‘Uxía’) como para os nenos (‘Brais’, ‘Antón’ ou ‘Anxo’). 

0.077893972396851