Sole Felloza estará este sábado na Casa Museo Manuel María

LugoXa | TerraChaXa
Contará historias deste autor galego en distintas localizacións
sole-felloza
21 May 2025

A narradora oral Sole Felloza contará este sábado, 24 de maio, en distintas localizacións de Outeiro de Rei, relatos escritos por Manuel María. Farao no decorrer dun paseo, aberto a quen quixer, pola parroquia natal do escritor, que organiza a Casa-Museo Manuel María, e que vai dirixido para público adulto e xuvenil.

Durante a camiñada, de dificultade baixa, faranse unha serie de paradas en lugares de Outeiro presentes na obra de Manuel María, como o campo de santa Isabel, o regato do Cepelo, o adro da igrexa parroquial... Nestes espazos, Sole Felloza contará algunhas das historias do propio escritor publicadas en A tribo ten catro ríos e Cando o mar foi polo río.

Actriz, dramaturga, fotógrafa e narradora, Sole Felloza é a directora do Festival Internacional de Narración Oral Atlántica. Alén diso, imparte formación en narración oral e desenvolve un salientábel labor de animación á lectura en distintas bibliotecas do país.

A actividade prevista para as 18 horas, sairá da Casa-Museo Manuel María. Para asistir a esta actividade gratuíta é necesario facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do Whatsapp 698177621.

⚙ Configurar cookies
0.14334607124329