Solicitan a adecuación do catastro á realidade dos montes veciñais
A Organización Galega de Comunidades de Montes solicita á Consellería do Medio Rural e aos grupos parlamentarios do Parlamento galego que se inicien os traballos para adecuar o catastro á realidade dos montes veciñais galegos.
Os montes veciñais en man común actualmente figuran na cartografia catastral divididos en un sin fín de recintos e parcelas como se fosen montes de propietarios particulares. A ORGACCMM sinala que a titularidade dun monte veciñal correspóndelle a unha soa comunidade de montes. Por iso, indican, "carece de sentido que se traten catastralmente os montes veciñais como se fosen recintos ou parcelas de diversos propietarios".
Ademais denuncian desde a organización que a "excesiva parcelación" que padecen os montes veciñais en man común débese a que a cartografía catrastral foi realizada en base a elementos non axustados a realidade dos montes veciñais. "Definíronse as distintas parcelas en base a pistas forestais, camiños, carreiros, valados, resto de valados, etc".
Denuncian que esta inadecuada cartografía catrastral dificulta, cando non impide, ás comunidades de montes o desenvolvemento das actividades propias. "Así vese moitas veces comprometida a elaboración de planos de xestión e de ordenación, a soliciutude de subvención ou axudas , a constitución de dereitos de superficie e a formalización de contratos de permutas, licenzas para plantacións ou permisos de corta de madeira".
Sinalan que o maior despropósito sucede no caso dos permisos para a corta de madeira. Estas se realizan por cantóns definidos pola homoxeneidade das masas forestais e a veces un cantón pode chegar a ter até dez referencias catastrais distintas.