Solicitan en Viveiro o aproveitamento dunha finca municipal
SON Viveiro-SON en Común vén de instar ao goberno local a que proceda á apertura dun espazo público que na actualidade figura pechado cunha cancela. En palabras do seu portavoz, Luís Manuel García Otero, “trátase dun terreo situado ao remate da ponte da Misericordia e fronte ao Pazo do mesmo nome. É unha zona de titularidade municipal que se atopa en perfecto estado e que pode ser destinada a numerosos usos”.
A parcela, que se identifica cos números 21 e 22 no informe da cartografía catastral, está rodeada por un muro, foi ocupada durante o tempo que durou a reforma do edificio contiguo e conta, ademais, cunha rampla de acceso á beirarrúa que, segundo SON Viveiro-SON en Común, é necesario retirar.
“O carácter público da finca debe estar convenientemente sinalizado e solicitamos o libre acceso á mesma, polo menos durante o día, para que os veciños e as veciñas que o desexen poidan gozar dela. Non ten sentido que espazos coma este permanezan infrautilizados”, sinala García Otero.