Someten a información pública a repotenciación do parque eólico en Muras

TerraChaXa
A veciñanza afectada está citada a unha reunión informativa este xoves na Casa do Médico
eolicos
7 sep 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o acordo polo que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa previa para o proxecto de construción e o estudo de impacto ambiental do proxecto para reformar o parque eólico Muras, situado entre o municipio chairego e Ourol.

O proxecto de Iberdora Renovables Galicia inclúe o desmantelamento de 74 aeroxeradores, cunha potencia total de 48,84 MW, e a instalación de once, cunha potencia instalada correspondente á repotenciación de 47,3 MW.

Os once aeroxeradores terán 117 metros de diámetro de rotor e unha altura de buxe de 84 metros. A obra inclúe unha rede colectora de media tensión, actuacións sobre unha subestación existente e sobre a liña de media tensión que conecta o parque coa subestación. O orzamento rolda os 39,4 millóns de euros.

A documentación estará a consulta 30 días para quen desexe expor alegacións. O DOG inclúe un anexo coa relación de bens e dereitos afectados polo proxecto de renovación tecnolóxica deste parque eólico.

No municipio de Muras hai 177 predios afectados, en lugares como Chao Pena de Curvos, Chao do Monte, Gañidoira ou Bestemuz, entre outros. En Ourol cítanse doce propiedades, en Costa de Cebrán ou Pena do Carrulleiro.

Por todo isto, os veciños están convocados este xoves, 12 de setembro, ás 20.00 horas, a unha reunión na Casa do Médico, onde se falará deste proxecto de repotenciación.

Ademais do alcalde, estará presente o experto xurídico e profesor titular de Dereito Administrativo na USC, Fernando de Abel Vilela.

0.16849398612976