Son de Corda actúa o sábado en Vilalba co Iescha

TerraChaXa
Será no auditorio, ás 20.00 horas, co concerto 'Cartas Alén: Compromiso e Coraxe'
concerto-cartas-alen-son-de-corda
12 Jan 2025

O Instituto de Estudos Chairegos (Iescha) dá comezo ao ano cultural 2025 cunha emocionante proposta artística. O sábado 18 de xaneiro, ás 20.00 horas, o auditorio municipal de Vilalba acollerá o concerto Cartas Alén: Compromiso e Coraxe, a cargo do grupo Son de Corda. A cita, que combina música, texto e danza, pretende reflexionar sobre as consecuencias da guerra e os totalitarismos a través dunha viaxe sonora e narrativa.

O concerto Cartas Alén: Compromiso e Coraxe presenta unha trama que aborda a separación de dúas irmás durante a Guerra Civil española, comunicándose a través de cartas. Esta historia mestúrase co contexto do Portugal de Oliveira Salazar, creando un paralelismo entre as dúas realidades separadas pola Raia pero unidas pola música. Segundo o grupo Son de Corda, as melodías empregadas falan unha linguaxe común, que transcende fronteiras e tempos, evocando harmonía e unidade fronte á barbarie.

A obra propón unha reflexión non só sobre os acontecementos históricos do xullo de 1936 ou do maio de 1934, senón tamén sobre os conflitos contemporáneos, como Gaza, Siria, Ucrania ou Afganistán. Como indican desde Son de Corda, trátase dunha experiencia musical e emocional que busca o gozo estético ao tempo que incomoda e remexe a conciencia do público.

O repertorio inclúe cancións tradicionais portuguesas e galegas, obras clásicas de compositores como Brahms, Fauré ou Lopes-Graça, e adaptacións musicais de textos de poetas como Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Uxío Novoneyra, Celso Emilio Ferreiro ou Darío Xoán Cabana. As pezas estarán acompañadas de arranxos musicais de destacados autores como Alberto Vilas, Julio Domínguez e Paulo Borges.

0.30112791061401