Son Viveiro propón a instalación dun parque infantil cuberto
SON Viveiro-SON en Común demandará a dotación dun parque público que conte cun cobertizo para que poida ser utilizado en calquera época do ano.
En palabras do concelleiro e voceiro da formación, Luis Manuel García Otero: “Precisamos aumentar o acercamento aos parques infantís e que poida facerse uso dalgún deles tamén durante os días de choiva, polo que retomaremos esta demanda que figuraba no noso programa electoral e que foi posta de manifesto por SON Viveiro xa a finais do ano 2015”.
Salientan que é cometido do goberno local determinar que instalacións municipais son as máis axeitadas para albergar temporalmente unha zona deste tipo e se procede colocar cubertas nalgúns dos parques infantís xa existentes e/ou construír un novo parque tapado, que ademais deberá ser accesible e estar adaptado para persoas con diversidade funcional.
“Ao mesmo tempo, é conveniente elaborar un plan plurianual para satisfacer esta demanda veciñal, creando unha partida específica nos orzamentos dos próximos anos que complemente as aportacións doutras administracións. A Pobra contará cun parque infantil público cuberto, que xa existe en concellos coma Ordes ou Lugo, onde van camiño do terceiro”, destaca García Otero.