Son Viveiro reflexiona sobre a circulación viaria en Viveiro
Desde SON Viveiro-SON en Común, queren facer unha reflexión sobre a circulación viaria na cidade nestes tempos de coronavirus.
"A seguridade viaria é un conxunto de accións que garanten o bo funcionamento da circulación do tránsito peonil, de condutores e de pasaxeiras/os, co fin de que se utilicen correctamente os espazos de tránsito. É fundamental que coñezamos as nosas obrigas como camiñantes para preservar a nosa integridade física e a normativa existente ata a actualidade non poderá ser a mesma cá que se utilice a partir do luns 11 de maio, primeiro día do desconfinamento. Por conseguinte, non debe deixarse a responsabilidade de actuación en cada cidadán ou cidadá, senón que debe ser o propio concello o que tome as medidas que correspondan para regular o uso do tecido viario público, evitando aglomeracións de persoas e seguindo as recomendacións de distanciamento social decretadas polo goberno".
Para iso, na próxima reunión de portavoces, o grupo aportará unha serie de medidas para mellorar a circulación; na última xuntanza o seu voceiro, Luis Manuel García, propuxo que o tránsito polas beirarrúas se realizase utilizando o sentido viario da man dereita, proposta que motivou a colocación dun cartel na ponte da Misericordia.
Non obstante, cren que a súa suxestión debe facerse extensiva a todo o municipio sinalizándoo convenientemente para que as e os viandantes teñan claro por onde deben desprazárense e garantir a separación de dous metros sinalada polo Real Decreto.