Sorteados 1.000 euros en premios da campaña Merca no teu comercio en Meira

Tivo lugar na sede da Federación Galega de Comercio o sorteo ante notario dos 1.000 euros en premios correspondentes á quinta campaña de Merca no teu comercio na provincia de Lugo, iniciativa de dinamización do comercio de proximidade que se desenvolveu entre o 5 e o 20 de agosto na localidade de Meira.
Esta campaña está organizada pola Federación de Comercio de Lugo, a Federación Galega de Comercio e a Xunta de Galicia, coa colaboración neste caso das asociacións de comerciantes destas localidades lucenses. O obxectivo principal é estimular as vendas nos municipios rurais da provincia de Lugo, achegar aos clientes aos comercios e dinamizar o sector.
A participación nesta iniciativa foi moi satisfactoria, rexistrándose un total de 2.301 tickets, pertencentes a compras realizadas nesta localidade lucense.
Ante o notario José Manuel López Cedrón sorteáronse 1.000 euros, repartidos en 20 tarxetas prepago de 50 euros, que serán entregadas aos gañadores nun acto a celebrar o vindeiro 4 de setembro, ás 13.30 horas, na Praza Maior – Paseo Central de Meira. Os gañadores, que serán contactados pola organización, deberán empregalas en compras no comercio retallista da localidade onde se realizou a campaña. O listado completo pode consultarse en www.mercanoteucomercio.com.