Sorteados os 1.000 euros da campaña Merca no teu comercio en Muimenta, Cospeito e Castro de Rei

Esta mañá tivo lugar na sede da Federación Galega de Comercio o sorteo ante notario dos 1.000 euros en premios correspondentes á novena campaña de Merca no teu comercio na provincia de Lugo, iniciativa de dinamización do comercio de proximidade que se desenvolveu entre o 1 e o 15 de outubro nas localidades de Muimenta, Cospeito e Castro de Rei.
Esta campaña está organizada pola Federación de Comercio de Lugo, a Federación Galega de Comercio e a Xunta de Galicia. O obxectivo principal é estimular as vendas nos municipios rurais da provincia de Lugo, achegar aos clientes aos comercios e dinamizar o sector.
A participación nesta iniciativa foi moi satisfactoria, rexistrándose un total de 2.222 tickets, pertencentes a compras realizadas nestas localidades lucenses.
Hoxe ante o notario José Manuel López Cedrón sorteáronse 1.000 euros, repartidos en 20 tarxetas prepago de 50 euros, que serán entregadas aos gañadores nun acto a celebrar o vindeiro 6 de novembro, xoves, ás 13.30 horas, na Praza Maior de Muimenta. Os gañadores, que serán contactados pola organización, deberán empregalas en compras no comercio retallista das localidades onde se realizou a campaña. O listado completo pode consultarse en www.mercanoteucomercio.com.