Sorteo de dúas vivendas de promoción pública en Vilalba

TerraChaXa
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda sortea esta semana 21 vivendas de promoción pública situadas en cinco concellos da provincia de Lugo.
18 Abr 2018

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda sortea esta semana 21 vivendas de promoción pública situadas en cinco concellos da provincia de Lugo. Para elo, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) tomará como base por primeira vez os novos listados de adxudicatarios aprobados ante notario o pasado mes de febreiro.

O primeiro dos sorteos será para asignar tres vivendas en Viveiro, a partir das 10.00 horas do mércores, e ás 12.30 horas están convocados os adxudicatarios de dúas vivendas en Vilalba. O xoves día 19 celebrarase o sorteo de oito vivendas en Becerreá, a partir das 12.00 horas, e o venres día 20 serán os sorteos en Chantada (dúas vivendas) e Lugo (seis vivendas).

Todos os actos terán lugar nos respectivos concellos a excepción do da capital, que se celebrará na área provincial do IGVS en Lugo, na Avenida Ramón Ferreiro.

Os sorteos servirán para adscribir unha vivenda concreta a cada adxudicatario, xa que estes son chamados por orden segundo o listado recentemente elaborado. A renovación das listas permitiu reiniciar os chamamentos en localidades como Viveiro, que tiña vivendas baleiras pero esgotara a relación de candidatos.

As persoas interesadas en optar a unha vivenda de promoción pública deben inscribirse no Rexistro Único de Demandantes; poden realizalo presencialmente ou a través da sede electrónica da Xunta e ten unha vixencia de tres anos.

0.19085884094238