Sotavento acolleu onte a IV Proba da liga galega de orientación a pé
Sotavento acolleu onte unha nova proba de orientación na que participaron máis de 300 persoas de tódalas categorías tanto feminina como masculina. Ademais da proba federada, os asistentes menos profesionais puideron tomar contacto con este deporte a través do circuíto permanente de orientación impulsado polo Concello de Xermade e Sotavento.
O obxectivo do circuíto permanente de orientación Serrón do Lobo é fomentar as actividades en contacto coa natureza e o deporte ao aire libre ao tempo que se ofrece unha alternativa de ocio gratuíta, apta para tódolos públicos e ideal para realizar en familia.
Para realizar a actividade só hai que achegarse ás instalacións do Parque Eólico Experimental Sotavento, en Xermade. No exterior do edificio, sitúase un panel onde descargar a través dun código QR os distintos recorridos a elixir. Para completar o circuíto seleccionado, os participantes deben buscar as balizas marcadas no mapa na orde indicada e anotar o número de control que atoparán en cada unha.
O circuíto permanente de orientación Serrón do Lobo amplía a oferta turística do Concello de Xermade que xa conta con distintos itinerarios e rutas de sendeirismo ás que se pode acceder na páxina www.xermade.org
A contorna natural das inmediacións do Parque Eólico Experimental Sotavento ofrece unha localización ideal para este tipo de actividades deportivas, tanto polas características do terreo, que inclúe desniveis, transicións entre distintos tipos de vexetación e zonas máis técnicas, como pola espectacular paisaxe que deleita aos participantes durante o percorrido. Así mesmo, constitúe unha actividade perfecta para gozar dunha xornada ao aire libre en familia ou con amigos.
O Concello de Xermade pertence á Comarca da Terra Chá. Está situado ao noroeste da provincia de Lugo e limita cos concellos coruñeses de As Pontes de García Rodríguez e Monfero e cos Lucenses de Guitiriz, Vilalba e Muras. Entre os seus principais atractivos está a natureza, as paisaxes, o seu patrimonio etnográfico e arquitectónico…son lugares idóneos para practicar turismo de lecer e de aventura a través das rutas de sendeirismo deseñadas por espazos naturais incluídos na Reserva da Biosfera Terras do Miño, cheas de lendas e historias medievais.
O Parque Eólico Experimental Sotavento vén de celebrar o seu 20 aniversario. Conta cun programa de actividades de educación enerxética que realiza nunhas instalacións de más de 1000 m2 entre as que destaca unha vivenda bioclimática real. A eficiencia enerxética e súas repercusións económicas e ambientais do aproveitamento das distintas fontes de enerxía constitúen o os aspectos fundamentais entorno aos que xira o devandito programa. Para reservar unha visita pódese contactar co parque a través da web www.sotaventogalicia.com ou do teléfono 981 563 777.