Sotavento acometerá o proxecto de repotenciación parcial con dous novos aeroxeradores de última xeración

TerraChaXa
Esta medida permitirá mellorar o rendemento e a eficiencia global, diminuíndo incluso o seu impacto ambiental
parque-de-sotavento-xermade
21 Mar 2026

O parque eólico de Sotavento levará a cabo un proxecto de repotenciación parcial, un proxecto que consistirá na instalación de dous novos aeroxeradores de última xeración para substituír unidades antigas.

O principal obxectivo desta actuación é substituír 6 aeroxeradores existentes por 2 máquinas de última xeración, o que permitirá mellorar o rendemento e a eficiencia global do parque, diminuíndo incluso o seu impacto ambiental. Esta mellora permitirá optimizar o rendemento do parque, á vez que incrementará os recursos económicos destinados ao mantemento da instalación e ao desenvolvemento de iniciativas de interese xeral no ámbito enerxético.

Ademais, o proxecto contribúe a reforzar a formación de técnicos cualificados nas tecnoloxías eólicas actuais e permitirá que Sotavento continúe desempeñando un papel destacado como escaparate tecnolóxico. Así mesmo, esta iniciativa busca servir de referencia para outros parques eólicos que desexen modernizar as súas instalacións, aproveitando infraestruturas xa existentes como viarias, cabreados ou subestacións para substituír aeroxeradores antigos por outros máis potentes e eficientes.

Os 2 novos aeroxeradores que se van instalar teñen unha potencia de 4.200 kW e unha altura máxima de buxe de 131,4m. Desta maneira, o parque eólico pasa de ter unha potencia instalada de 17.660 kW a 22.620 kW.

0.1398549079895