Sotavento festexa 24 anos como referente en enerxías renovables e educación ambiental

TerraChaXa
Nado en 2001 como un proxecto pioneiro no eido das enerxías renovables, apostou pola produción de enerxía eólica, a investigación aplicada e a divulgación educativa
visitante-300000-sotavento
21 Jun 2025

O Parque Eólico Experimental Sotavento cumpre este 21 de xuño 24 anos desde a súa posta en marcha na Serra da Loba, entre os concellos de Monfero e Xermade. Nado en 2001 como un proxecto pioneiro no eido das enerxías renovables, Sotavento apostou dende os seus inicios pola produción de enerxía eólica, a investigación aplicada e a divulgación educativa centrada no uso responsable e eficiente da enerxía.

Ao longo destas dúas décadas e media, o parque consolidouse como un espazo de referencia internacional, tanto pola calidade das súas instalacións como pola variedade de proxectos desenvolvidos. Entre eles destacan os sistemas de predición de avarías, acumulación de enerxía con hidróxeno, hibridación eólico-fotovoltaica ou a creación dunha vivenda bioclimática demostrativa. Todos estes proxectos sitúan a Sotavento como un laboratorio vivo para experimentar e demostrar as posibilidades tecnolóxicas do sector.

No ámbito educativo, máis de 310.000 persoas visitaron Sotavento desde a súa apertura, participando en actividades deseñadas para fomentar a reflexión crítica e participativa sobre o modelo enerxético actual. Cada curso escolar, o parque acolle milleiros de alumnos e alumnas de todas as etapas educativas, así como colectivos sociais, turistas e público en xeral. O interese é tal que cada ano se esgota o número de prazas dispoñibles para as visitas escolares.

Co remate do curso escolar 2024/2025, que contou coa participación de máis de 8.000 estudantes, Sotavento mantén a súa actividade durante o verán con propostas dirixidas ao turismo ambiental, asociacións, persoas desempregadas e familias que desexen coñecer de preto o funcionamento das enerxías renovables.

Ademais, nesta época coincide tamén o peche do prazo para participar no XIII Certame Renovable de Fotografía. Nas vindeiras semanas, o público poderá votar nas redes sociais pola súa imaxe favorita, axudando ao xurado na elección da fotografía gañadora.

Pensando no futuro, o parque prevé unha repotenciación parcial das súas instalacións coa substitución de seis aeroxeradores por dúas novas máquinas de última xeración. Esta actuación permitirá modernizar o complexo, mellorar a súa eficiencia e reducir o impacto ambiental.

As visitas a Sotavento poden realizarse durante todo o ano, sempre mediante reserva previa, ben chamando ao 981 563 777 ou a través da súa web oficial (www.sotaventogalicia.com), cun prezo de 3 euros por persoa.

⚙ Configurar cookies
0.18491101264954