Sotavento celebrou o día Mundial do Vento con formación e un simulacro de rescate
Este xoves Sotavento celebrou o día mundial do vento. A celebración ten como finalidade por en valor a importancia do vento na biodiversidade do Planeta, así como resaltar os seu aproveitamento como fonte de enerxía renovable e autóctona. Estas características posibilitan un menor impacto no medio cas fontes convencionais e unha menor dependencia enerxética doutros países.
Para celebrar este día, Sotavento engalanou as súas instalacións para levar a cabo unha xornada con actividades en diferentes eidos. No educativo, rapaces e rapazas de secundaria do IES de Foz, participaron nunha xornada de educación enerxética especialmente centrada na eólica. Deste xeito puideron acceder a datos significativos que lles permitiron reflexionar sobre cales son as fontes de enerxía que emprega o noso país, cal é a súa procedencia, os custes económicos, os custes ambientais e que papel xoga a eólica en todo iso.
No eido de formación, levouse a cabo un curso de piloto de drons especialmente dirixido á inspección de aeroxeradores onde unha decena de futuros pilotos puideron exercitar as súas destrezas empregando un dos aeroxeradores do parque eólico.
Paralelamente, realizouse un simulacro de rescate dun accidentado do interior da pala do buxe dunha das 5 tecnoloxías de aeroxeradores presentes no parque. Este tipo de simulacros son fundamentais para elaborar plans de rescate e evacuación adaptados a cada tipo de aeroxerador e contribúen significativamente á seguridade das máis de 30.000 persoas que traballan na eólica no noso país.