Sotavento colócase á vanganda da produción de hidróxeno verde
Hai 16 anos, Sotavento realizaba un proxecto practicamente único a nivel mundial que situou á instalación á vangarda da utilización do hidróxeno como sistema de almacenamento eléctrico. Aquel ano 2008, Sotavento, en colaboración coa Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia e Gas Natural Fenosa, puxeron en marcha un proxecto para a exploración tecnolóxica do hidróxeno como vector enerxético. Esta instalación pioneira, contaba con catro electrolizadores que se encargaban de producir hidróxeno grazas á enerxía eléctrica procedente dos aeroxeradores para posteriormente almacenalo e reconvertelo en electricidade cando fose necesario.
Esta faceta innovadora é unha sinal de identidade do parque dende a súa inauguración.
Concretamente neste exercicio 2023 que acaba de finalizar, Sotavento puxo en marcha varios proxectos. Un dos máis significativos foi o proxecto de hibridación eólica-fotovoltaica: trátase de combinar a xeración de electricidade a partir de dúas ou máis fontes renovables, compartindo un mesmo punto de conexión. Desta forma, súmase á xeración eólica unha planta fotovoltaica de 100 kW sen necesidade de aumentar infraestruturas co que se reduce considerablemente o impacto ambiental.
No ámbito da eficiencia, estívose traballando na actualización e mellora da vivenda bioclimática demostrativa que, en breve, contará cun novo de sistema de control renovado que optimizará as súas capacidades para conseguir confort no interior co menor custo posible.
Tamén durante o ano 2023, Sotavento finalizou a Aula das Enerxías realizada para o Concello de Salamanca, que consistiu duplicar a pequena escala o proxecto de Sotavento na cidade castelá con numeroso material didáctico e formativo, así como aplicacións e calculadores de consumo tanto de auga como de electricidade.
Neste mesmo período, a entidade levou a cabo unha acción social de fomento das enerxías renovables creada e deseñada polo departamento educativo de Sotavento para a empresa Norvento. Dita acción social, consiste na realización dunha serie de xornadas pedagóxicas de educación enerxética en distintos centros educativos e que este ano se centraron nos concellos de Lugo e Barro.
No ámbito da formación, os cursos de rescate e evacuación, así como os relacionados co manexo de drons foron os máis significativos do período, pero non os únicos dado que se colaborou con numerosos programas Erasmus+, universidades e centros de formación profesional de distintas especialidades como complemento á súa formación.
Dentro do apartado turístico, destacou o acordo cunha das máis importantes operadoras de turismo internacional que se fixaron en Sotavento para ofrecer aos seus clientes un turismo alternativo, formativo e centrado en experiencias enriquecedoras.
Así mesmo, hai que destacar a renovación e ampliación de contidos didácticos e expositivos nas zonas exteriores do parque, que contribúen a unha visita máis atractiva e enriquecedora.
Todas estas actividades significaron que Sotavento despedise o ano cun total de 8.760 visitantes. A mellor cifra dos últimos 5 anos e confirma o éxito do proxecto e o seu importante labor en materia de educación enerxética. De feito, segundo os datos de reservas dos que dispoñemos, en abril do 2024 Sotavento superará os 300.000 visitantes.