Sotavento combinará este ano as actividades presenciais coas en liña
O parque eólico experimental de Sotavento combinará este ano no seu programa dúas alternativas máis ás actividades nas instalacións. Así, ofrece dúas posibilidades, a realización de actividades en liña en directo e a realización das actividades nas instalacións do centro educativo.
As actividades en liña en directo van dirixidas principalmente a alumnos de 4º de Secundaria e Bacharelato. Teñen un carácter transversal e poden enmarcarse en diferentes materias do currículo formal, desde tecnoloxía ou física ata economía e valores.
A pesar das dificultades que pode ter a comunicación en liña, tratarase en todo momento de manter unha dinámica participativa e interactiva co alumnado sempre que sexa posible. Dentro desta modalidade, existen diferentes actividades para elixir en función das preferencias e necesidades do grupo.
As actividades nas instalacións do centro, xa existente con anterioridade como proxecto piloto en centros de infantil, van dirixidas principalmente a alumnos de Infantil e Primaria. Ofrece a posibilidade de que educadores e material didáctico se despracen ao centro educativo. A programación, por tanto, deséñase para levar a cabo en calquera lugar (aberto ou pechado) facilitado polo centro e o apoio ás explicacións virá dado con maquetas, aplicacións informáticas, módulos reais de instalacións renovables, medidores de consumo, etc. que se levarán ata o lugar de realización da actividade.