Sotavento entra nos programas turísticos dos cruceiros
Sotavento é coñecido polos seus obxectivos en materia de produción de enerxías renovables, así como da investigación e experimentación. Así mesmo, o traballo de educación enerxética e ambiental constitúe outro dos piares sobre os que se apoia este proxecto con máis de 20 anos de funcionamento. Centros educativos de todos os niveis enchen cada ano todas as datas dispoñibles para participar nas actividades educativas propostas polo parque.
Outro dos aspectos menos coñecido pero que conta con gran aceptación é a labor turística centrada en períodos estivais. Unhas 5.000 persoas visitan anualmente Sotavento con esta finalidade. De feito, a Unesco destacou a esta instalación xermandina na categoría de “RES – Education&Tourism”, xa que abre a posibilidade de desenvolver novas formas de turismo intelixente e responsable, onde o coñecemento das enerxía renovables convértese nun atractivo e nun recurso. Dentro deste eido Sotavento tamén se adheriu no seu momento a programas de turismo industrial para dinamizar e promocionar a zona de influencia do parque.
Este traballo non pasou desapercibido para importantes operadoras turísticas que se fixaron en Sotavento co fin de ofrecer aos seus clientes un turismo alternativo, formativo e centrado en experiencias enriquecedoras. Deste xeito, este martes 1 de agosto un grupo de persoas de distintas nacionalidades que viaxaban no cruceiro Norwegian Getaway visitaron Sotavento na súa escala no porto de A Coruña. Non serán os únicos posto que o operador internacional TUI ofrece aos seus clientes de cruceiros que fagan escala en Galicia a posibilidade de coñecer Sotavento dentro dos seus programas turísticos.