Sotavento fixo entrega do premio do Concurso de Fotografía
O Parque Eólico Experimental Sotavento vén de repartir un premio de 400 euros en metálico ao gañador do seu XII Certame Renovable de Fotografía.
O premiado foi Iria Porto, coa fotografía O Quixote a través do espello, elixida polo xurado entre unha vintena de candidaturas.
Este certame, que xa vai pola súa duodécima edición, ten como principal obxectivo dar a coñecer o mundo das enerxías renovables en xeral e a idea de Sotavento en particular. Deste xeito, neste concurso podía participar calquera persoa, sen límite de idade, co único requisito de que o tema principal da imaxe debía ser o Parque Eólico Experimental Sotavento.
Ademais, este martes 30 de xullo, as instalacións do Parque Eólico Experimental Sotavento tamén serviron de centro de reunión para a constitución dunha comunidade enerxética en Xermade, unha iniciativa que lle permitirá ao concello poñer en marcha instalacións de autoconsumo, reducindo así o gasto enerxético municipal e loitar contra o cambio climático. Dita comunidade créase despois de que a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) seleccionase a Xermade como concello piloto para o proxecto Comunidade Enerxética Local (CEL) Rural.
Lembramos que tras un curso académico con cifras de marca, Sotavento permanece aberto durante todo verán (días laborais) en horario de 10:00 a 14:00 horas para aquelas persoas que queiran visitalo, previa cita no teléfono 652 80 81 73 (tamén whatsapp). Deste xeito, as actividades estivais en Sotavento, estarán especialmente dirixidas a familias, turistas e todo aquel que queira achegarse a coñecer as nosas instalacións e descubrir a realidade das enerxías renovables e a eficiencia enerxética dun xeito dinámico e lúdico. O custo da actividade é de 3€/persoa.
Como complemento, Sotavento dispón dun circuíto de orientación permanente nas súas mediacións que pode ser realizado de forma libre e gratuíta por todo aquel que o desexe. Para iso, simplemente é necesario achegarse ao Parque Eólico, escanear o mapa a través dun código QR posto na fachada do edificio principal e ir buscar os códigos das correspondentes balizas. Como incentivo, todo aquel que consiga o código e o envíe a info-divulgacion@sotaventogalicia.com antes do 15 de setembro indicando nome completo, dirección e teléfono de contacto, entrará no sorteo dunha estación meteorolóxica radio controlada.