Sotavento participou na Feira da Enerxía de Galicia
Sotavento participou co seu proxecto educativo nunha nova edición da Feira da Enerxía de Galicia celebrada do 3 ao 5 de febreiro no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca de Silleda.
Ao longo das tres xornadas, máis dun centenar de escolares de centros educativos participaron nas actividades desenvolves por Sotavento. A esta cifra debemos aumentar as visitas non programadas así como o público en xeral. En total, 5.200 persoas, segundo datos da organización do evento.
Nun espazo de 500 m2 dedicados á difusión e sensibilización en materia de EERR e eficiencia enerxética, os visitantes puideron coñecer de primeira man as fontes de enerxía renovables, datos sobre o consumo eléctrico, consellos relacionados coa eficiencia enerxética e a factura da luz. Entre outras moitas actividades cabe destacar os talleres dedicados aos máis pequenos, onde de maneira lúdica experimentaron as múltiples vantaxes do vento coa elaboración de diferentes tipos de cometas así como as potencialidades do sol para proporcionar luz e calor a través de placas e cociñas solares
Esta terceira cita do sector enerxético en Galicia contou con máis de 250 firmas expositoras chegadas de 13 países e foi inaugurada polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e polo vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde.